Rematan os traballos da segunda fase da rehabilitación do paseo marítimo da praia Compostela
Por Oskar Viéitez
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, supervisou este mércores, xunto ao alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o fin das obras da segunda fase de rehabilitación do paseo marítimo da praia Compostela. "Unha obra que, finalizada, evidencia a materialización do cumprimento dun compromiso histórico que o Goberno de España adquirira con este Concello e os seus habitantes", subliñou.
Jose Miñones enfatizou que "a obra ademais vén de rematarse para poder ser disfrutada en verán, de xeito que todos os vilagarciáns e vilagarciás, e os milleiros de visitantes que nestes meses recibe a cidade, poidan gozar desde xa dun paseo completamente renovado, cunha mellor iluminación e pavimento en todos os seus tramos".
Esta segunda e última fase do acondicionamento do paseo marítimo contou cun orzamento de 633.000 euros dun total 1,3 millóns de euros de investimento do Goberno e permitiu renovar o tramo central do paseo, comprendido entre o balneario da Compostela e as inmediacións do lavadoiro de Carril.
Os traballos executados nestes 748 metros foron similares aos realizados na primeira fase e consistiron na substitución das as laxas deterioradas por un pavimento de formigón tintado moito máis resistente, duradeiro e accesible e na renovación do cableado eléctrico da iluminación pública en todo o tramo.
José Miñones quixo lembrar que ademais dos 1,3 millóns de euros investidos neste paseo, os investimentos do Goberno central na vila acadan os 12 millóns de euros, tendo en conta a recente reforma da Casa do Mar e as diferentes liñas de financiamento do Plan do Recuperación, Transformación e Resilencia acadadas polo Concello para desenvolver o seu turismo ou o seu comercio, entre outros.
O delegado do Goberno asegurou que "estes investimentos evidencian o compromiso do Goberno cos municipios galegos e, en particular, con Vilagarcía, así como o bo traballo realizado polo alcalde, Alberto Varela, e o seu equipo de goberno", afirmou.