Baixada de temperaturas nas Rías Baixas durante a fin de semana con presenza de chuvascos
Por Redacción
Este venres 17 de xuño, o tempo se manterá marcado polo embolsamento de aire frío en capas altas da atmosfera, que permanecerá estacionaria ao oeste da península. Agárdanse, segundo a predición de Meteogalicia, ceos con alternancia de nubes e claros, ademais de chuvascos localmente treboentos, máis probables durante a tarde en comarcas do interior. Tamén se agardan néboas costeiras. As temperaturas situaranse entre os 17 e os 26 graos con ventos que soprarán de dirección variable.
Ao longo do sábado, a bolsa de aire frío en capas altas da atmosfera trasladarase de maneira lenta desde o oeste cara a Galicia achegando nubes e chuvascos a toda a zona atlántica. Está previsto un descenso moderado das temperaturas, que se moverán entre os 13 e os 24 graos. Os ventos soprarán do sur e suroeste.
A inestabilidade continuará o domingo 19. Os ceos seguirán nubrados, con máis nubes durante a mañá e tamén probabilidade de chuvascos frecuentes durante as primeiras horas do día. As temperaturas continuarán en descenso para situarse entre os 12 e os 21 graos nas Rías Baixas. Os ventos soprarán do suroeste pola mañá variando a noroeste ao longo da tarde.
Esta situación manterase no arranque da próxima semana con aire máis frío e húmido. A partir do mércores espérase que Galicia recupere a influencia anticiclónica co correspondente incremento de temperaturas con máximas que aumentarán aos 26 graos.