O Banco de Tempo reactívase como ferramenta inclusiva e de conciliación en Vilagarcía
Por Redacción
A área de Igualdade do Concello de Vilagarcía anuncia que aproveita os fondos europeos do programa 'Vilagarcía Avanza' para reactivar o Banco Municipal de Tempo. Trátase dunha ferramenta que tenta favorecer a inclusión e a conciliación. A xestión deste rede social de servizos préstase de forma indirecta e a asociación O Soño de Lilith será a encargada de organizar a actividade.
O contrato asinado ascende a 9.075 euros cunha prestación do servizo de 10 horas á semana durante o período dun ano. A través deste sistema fortalécense as redes veciñais e de solidariedade. O Banco de Tempo pretende poñer en contacto a persoas que ofrecen e demandan actividades de curta duración.
Entre as posibilidades atópase recoller un escolar nun colexio, podar un arbusto, elaborar unha torta de aniversarios, traducir un texto, axudar a limpar cristais, acompañar a unha persoa de idade avanzada ou levar un vehículo para pasar a ITV, entre outras.
Nesta proposta non hai contraprestación económica, polo que o tempo que unha persoal lle presta a outra para realizar determinadas tarefas, pagaráselle coa realización doutro servizo que o primeiro precise nese momento ou noutro. Desta forma, o mecanismo de funcionamento é como un banco onde a prestación queda marcada no apartado de debe ou de haber de períodos de tempo para cada un dos participantes. Tamén se establece a opción de prestar utensilios ou ferramentas.
A idea, segundo explican desde o Concello de Vilagarcía, é crear redes colaborativas entre a veciñanza como as que existían décadas atrás, con axudas desinteresadas para realizar labores da vida cotiá.
Este Banco Municipal de Tempo creábase en 2010 pero foi decaendo cando a asociación que o xestionaba deixou de contar con persoas dispoñibles.
Para a súa reactivación, O Soño de Lilith actualizará o regulamento de uso e as bases de datos dispoñibles, para a continuación realizar labores de promoción e difusión para busccar usuarios e xestionar os futuros intercambios. A asociación operará tanto de maneira presencial como en liña. A atención directa levará a cabo nas dependencias da área de igualdade os martes de 17.00 a 19.30 horas e os xoves de 11.00 a 13.30 horas. As cinco horas semanais restantes correspóndense coa atención dixital.