Prisión para os dous últimos detidos en Arousa en relación cunha planadora localizada en Vilaboa
Por Natalia Puga
A última operación antidroga desenvolvida pola Garda Civil na comarca de Arousa sáldase co ingreso en prisión de dúas persoas. Trátase de dous homes detidos o mércores en Vilanova e A Illa de Arousa que este venres pasaron a disposición xudicial en Cangas e foron trasladados ao cárcere da Lama.
O maxistrado do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Estes dous homes están investigados por tres delitos: un contra a saúde pública, contrabando e pertenza a organización criminal.
O seu arresto o mércores está relacionado cunha operación de fai xa catro meses, unha planadora localizada no mes de febreiro en Vilaboa.
Naquela ocasión, o 12 de febreiro, a Garda Civil detivo de madrugada a dous homes no peirao de San Adrián de Cobres tras sorprendelos in fraganti cando tentaban descargar unha lancha planadora dun camión.
Os dous arrestados foron sorprendidos in fraganti sobre as tres da madrugada despois de que o vehículo queda atascado mentres o descargaban no propio peirao presuntamente con intención de levalo ao mar. As tarefas para desatascalo espertaron aos veciños e a Garda Civil presentouse no lugar e sorprendeunos.
Aqueles dous homes xa ingresaron en prisión por aquel entón e agora estes dous novos detidos acabaron no mesmo lugar.
O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra realizou esta segunda fase da operación na mañá do mércores, con rexistros e estas dúas detencións en Vilanova e A Illa.
Relacionadas:
-
Deteñen un mozo pontevedrés que distribuía drogas na cidade, entre elas cocaína rosa
Por Oskar Viéitez |
-
Operativo antidroga en Vilanova e A Illa de Arousa relacionado cunha planeadora atopada en Vilaboa
Por Natalia Puga |
-
A Garda Civil relaciona a embarcación intervida en Vilaboa co tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez |
-
Detidos dous homes sorprendidos cunha planadora no peirao de San Adrián
Por Redacción |