Reclaman durante a celebración do 50 aniversario do colexio de Seixo un "segundo médico a tempo completo xa"
Por Redacción
Coincidindo coa celebración do 50 aniversario do Colexio Público de Seixo, no Concello de Marín, a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo colocou unha pancarta para "recibir de xeito apropiado ás autoridades que asisten aos actos e lembrarlles que levamos 11 meses sen ter cuberto o segundo médico a tempo completo".
Dende a Plataforma explican que "nun primeiro momento estaba confirmado o Conselleiro de Educación e consideramos que, como membro do goberno da Xunta que está a recortar nos servizos públicos, era necesario facerlle visible que en Seixo seguimos reivindicando unha atención sanitaria digna e que lle levase o recado ao Presidente Rueda."
Aínda que este último non asistiu, "esta pancarta tamén serve para lembrarlle á alcaldesa de Marín, María Ramallo, e ao seu equipo que levan 11 meses sendo insensibles e dándolle as costas á veciñanza fronte aos recortes do seu partido", insisten.
Critican tamén que a alcaldesa "presumise de que Seixo é o segundo núcleo urbano do concello e de servizos na parroquia, sen ter movido un dedo para frear o peche da oficina de Abanca ou os recortes de persoal na sanidade. Se a alcaldesa pinta unha realidade que non é, haberá que preguntarse se pretende enganarnos ou se despois de 11 meses de protestas que non apoiou aínda non se enterou do que pasa no concello."
Por último, a Plataforma califica de "éxito" o concerto do xoves no Cine de Seixo e agradece o apoio veciñal e dos grupos musicais Irevire e A Revolta "á defensa da sanidade pública". "Estes grupos son a mostra da creatividade, do compromiso da xente nova e da vida que queremos nas nosas parroquias" e lembran que "a Plataforma creouse para defender os servizos que temos no rural, a comezar polo noso Centro de Saúde, porque son necesarios para que as veciñas e veciños teñan calidade de vida e para que sigamos vivindo aquí".
Conclúen que, nese sentido, "a veciñanza está moi preocupada porque se agarda un verán complicado na atención primaria, froito da política da Xunta de non cubrir vacacións nin baixas. Pola nosa parte, xa anunciamos, no concerto, que imos continuar coas protestas estamos fartos de que se recorte no fundamental e que se acabe xogando co noso dereito á saúde".
Relacionadas:
-
Alertan de que 4.000 veciños de Marín quedarán sen médico de tarde este verán
Por Redacción |
-
Presentan por rexistro no Parlamento Galego un paquete de medidas para "salvar a atención Primaria"
Por Redacción |
-
A Xunta vai renovar o convenio para que os médicos xubilados manteñan o acceso aos talonarios de receitas
Por Redacción |
-
Marín volve saír á rúa para esixir que cesen os recortes na atención sanitaria da vila
Por Redacción |
-
Denuncian falta de persoal de pediatría e medicina de familia no centro de saúde de Marín
Por Redacción |
-
Denuncian que a falta de médicos no PAC de Marín obrigou a derivar pacientes a Bueu e Pontevedra
Por Redacción |
-
Instalan pancartas para pedir o segundo médico a tempo completo no Centro de Saúde de Seixo
Por Redacción |