A rúa Alejandro Cerecedo en Vilagarcía quedará pechada ao tráfico durante o luns e o martes desta semana
Por Redacción
Desde primeira hora do luns 21 e ata a serán do martes 22, a rúa Alejandro Cerecedo cortarase ao tráfico rodado, entre o cruzamento con Doutor Tourón ata a confluencia con Alexandre Bóveda. Durante estas xornadas nin sequera será posible a circulación de entrada e saída a garaxes entre as 08.00 horas e as 20.00 horas.
O acceso de vehículos ao centro da cidade deberá realizarse desde Valle-Inclán para continuar por Alexandre Bóveda e Arcebispo Lago, segundo informa o Concello de Vilagarcía.
Os traballos que se realizarán céntranse na mellora da plataforma da calzada. Tamén se iniciará a creación dun novo tramo de ciclovías, entre o cruzamento con Doutor Tourón e o de Valle-Inclán. Unha vez que se reabra este tramo, tocaralle a quenda a Alexandre Bóveda, que permanecerá pechado durante o mércores 23 e xoves 24 ata finalizar a intervención.
Nesta rúa tamén se acometerá o fresado e asfaltado. Os cortes faranse á altura da confluencia con rcebispo Lago nun extremo, e no cruzamento de Valle Inclán, polo outro. Tamén se cortará o acceso a Alxendre Bóveda desde Doutor Carús. O acceso rodado ao centro poderase realizar durante ese mércores e xoves por Doutor Tourón para continuar a circulación por Arcebispo Lago.