Vacacións multideportivas e escolas de navegación para a rapazada de Vilagarcía
Por Redacción
A Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía de Arousa oferta este verán dous programas deportivos para a poboación infantil e xuvenil de idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, co obxectivo de contribuír a cubrir o tempo de lecer da rapazada dun xeito divertido e saudable mediante a práctica do deporte.
Trátase das Vacacións Multideportivas e das Escolas de Navegación ás que os interesados poden inscribirse ata o día 28 de xuño. As actividades desenvolveranse ao longo dos meses de xullo e agosto e teñen un prezo xenérico de 12 euros, ao que se lle poden aplicar diversas bonificacións.
As Vacacións Multideportivas están destinadas a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2015, ambos incluídos. Neste programa a rapazada participará en deportes cooperativos, alternativos e con implementos, realizarán xogos tradicionais, practicarán a mobilidade utilizando patíns e bicicletas e tomarán parte nunhas mini olimpíadas. Todas as actividades se realizarán nas instalacións do recinto de Fexdega, tanto no interior como no exterior, e tamén noutros espazos naturais do municipio, como parques, praias e mesmo zonas do rural. As actividades celebraranse de luns a venres en horario de 10 a 13 horas durante os meses de xullo e agosto. O prezo por asistir un mes é de 12 euros e polos dous, 18.
Tamén se organizan as Escolas de Navegación, un programa que o Concello organiza mediante xestión indirecta contratada aos clubs e entidades dedicados aos deportes náuticos. Son catro as modalidades deportivas a impartir: remo, vela, piragüismo e salvamento acuático, todas elas dirixidas a nenos nados entre os anos 2006 e 2013, sendo un requisito indispensable para poder participar que saiban nadar.
A escola de remo a impartirá o Club de Remo Vilaxoán na praia do Preguntoiro, a de piragüismo, o club Depornautic no peirao deportivo de Vilagarcía e a de salvamento, o club de Salvamento Vilagarcía, tamén na praia do Preguntoiro. En cada unha destas escolas poderán participar 30 persoas e todas se desenvolverán entre o 4 de xullo e o 28 de agosto.
A escola de vela disporá de 80 prazas, a repartir entre a quenda de mañá e de tarde. Estas clases se impartirán no Centro Galego de Tecnificación de Vela, situado no peirao comercial, e desenvolveranse a semana do 4 ao 8 de xullo.
Aínda que a taxa xenérica por asistir a cada unha destas actividades é de 12 euros, poderán asistir de balde as persoas que conten co carné da Fundación de Deportes, bonificarase o 100% da cota ás que teñan ingresos inferiores ao importe do IPREM e aplicarase unha redución do 25% ás familias numerosas.
As inscricións deben realizarse telematicamente a través do apartado da Fundación de Deportes da sede.vilagarcia.gal cubrindo os formularios correspondentes, que tamén se poden atopar na mesma sede electrónica, e nos que se indica a documentación complementaria a presentar.
Relacionadas:
-
A Escola Municipal de Deportes Náuticos comeza a ver a luz
-
LudoCaldas ofrece 120 prazas para o mes de xullo e de 80 para agosto
Por Redacción |
-
O Campaverán se desenvolverá no mes de xullo en Carballedo
Por Redacción |
-
Haberá Ludoverán 2022, Concello e Fanpa chegan a un preacordo
Por Oskar Viéitez |