As pancartas da 'Memoria LGBTIQA+' reivindican o Orgullo de Pontevedra
Por María José Pita
Integrantes dos tres partidos con representación municipal acudían este martes 21 de xuño á apertura dos actos do Orgullo en Pontevedra, que organiza a Concellería de Igualdade e a asociación Avante LGBT+.
No balcón da Casa da Luz, na praza da Verdura, unhas pancartas recollen as siglas e os fitos reivindicativos que forman parte da 'Memoria LGBTIQA', a antesala da conmemoración do Día Internacional do Orgullo, sinalado no 28 de xuño.
No acto participaron os concelleiros Yoya Blanco, titular do departamento de Igualdade, Iván Puentes, Marcos Rey, Eva Villaverde, Alberto Oubiña, Pilar Comesaña e Guillermo Juncal, ademais de varios membros do colectivo, como Nee Barros e Hadrián Pernas, integrantes de Avante LGBT+, que foron os que tomaron parte na fotografía oficial xunto aos representantes municipais.
A intervención artística consiste nunha bandeira LGBTIQA+ na que, ademais das cores do arco da vella, teñen protagonismo as palabras 'Orgullo' e 'Memoria', como un xeito de reflexionar sobre a historia da loita do colectivo e de lembrar que non se pode dar un paso atrás, xa que ningunha conquista é irreversible. En próximas datas, durante a noite serán visibles as pancartas a través dunha iluminación especial.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, asegurou en que con esta mensaxe tan didáctica, na que baixo cada letra da instalación aparece algún capítulo histórico, téntase que a sociedade siga tomando conciencia e avanzando, xa que "a conquista de dereitos non é irreversible e hai que seguir loitando polos dereitos acadados día a día".
Así mesmo, a edil socialista incidía na boa nova de que "este ano, a situación sanitaria permítemos recuperar a festa no parque dos Gafos e unha manifestación o día 2 de xullo".
Hadrián Pernas, de Avante LGBT+, explicou que o obxectivo deste ano é "reivindicar a memoria de todo o colectivo, de todas esas persoas que durante os anos do franquismo e a posteriori tiveron que enfrontarse a un estigma e estiveron perseguidas e penadas polos propios gobernos". Tamén lembrou que "a reivindicación do Orgullo non pode diluírse só na festa".
"A festa é importante, porque somos un colectivo que sempre estivo moi ligado a festa e é parte da nosa forma de ser, pero non podemos abandonar as nosas reivindicacións, tendo en conta o que aconteceu o ano pasado co asasinato de Samuel, as constantes agresións a persoas trans e as políticas en contra do colectivo LGBT que xurden de partidos de extrema dereita en toda Europa. Temos que afianzar esas reivindicacións e achegar á sociedade cara a elas", declaraba Hadrián Pernas.
ORGULLO 2022
Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos deste Orgullo 2022, coordinado a través do programa municipal Pinto e Maragota, incluirase unha variada oferta de faladoiros, contacontos, cine e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos e unha manifestación que sairá da praza do Hospital Provincial.
A programación do Orgullo Pontevedra 2022, a cargo da asociación Avante LGBT+, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo.
Ademais dos pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’, celebrarase o taller Contos de Cores, unha actividade infantil (4 a 10 anos) que se realizará o luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas (avenida de Vigo, 13) con Alba Blanco e cuxas prazas poden reservarse no email libreriaseijas@yahoo.es.
O Club de Lectura Avante LGBT+ terá lugar o martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz (rúa Peregrina, 29), onde tamén se presentará, ese mesmo día ás 19:30 horas, o libro ‘A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea‘ (editorial Xerais), coa participación da súa autora, Daniela Ferrández.
Así mesmo, haberá un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli o mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira; un Contacontos Diverso a cargo de Mun Mintaka no Bar La Hormiga (Campiño de Santa María) o xoves 30 ás 18:00 horas; unha palestra arredor da realidade trans no Banco Trans dos Xardíns de Vincenti do parque das Palmeiras con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros (o xoves 30 ás 20:00 horas); e un faladoiro titulado ‘Saúde sexual. Desmontando mitos’, con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.
Relacionadas:
-
O porto deportivo de San Vicente, primeiro de España en izar a bandeira LGBTIQ+
Por Redacción |
-
Centos de persoas manifestan o seu Orgullo en Pontevedra: "Este día non é festa, é de loita e protesta"
Por Natalia Puga |
-
Pequenos grupos combaten a calor e celebran a Festa do Orgullo pontevedresa
Por Redacción |
-
Os xardíns de Pontevedra exhiben o seu Orgullo e xa pensan no novo contrato de mantemento para xullo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unhas Festas de Verán nas que "non haberá parada" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Festa do Orgullo sae ás rúas de Pontevedra para lembrar que ningunha conquista é irreversible
Por Redacción |
-
"Ambienta", a mostra de cine LGBTIQA+, volve á praza da Pedreira a última semana de xuño
Por Redacción |