Un caderno que recollía o día a día do Club Pigalle, clave nun xuízo por prostitución coactiva e agresión sexual
Por Natalia Puga
Un delito de favorecemento de inmigración clandestina, con ánimo de lucro; tres delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual; tres delitos de prostitución coactiva e un delito de agresión sexual. Son as infraccións penais ás que se enfrontan Pablo Víctor C.D. e Elena Juliana, coñecida como Jessica, por presuntamente traer a España a mozas para obrigalas a exercer a prostitución no club Pigalle de Meis.
Ambos sentaron este martes no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e sostiveron a súa inocencia, asegurando que ela era camareira no local sen ningunha responsabilidade máis e el, o administrador dun local no que "se practicaba o alterne", todo o persoal estaba contratado e tiña permiso de residencia e había mozas que exercían a prostitución pola súa conta.
O acusado principal, para o que a Fiscalía pide 23 anos de cárcere, atribúe a denuncia de tres mozas que motivou este procedemento a un intento de "conseguir a documentación en España máis fácil". Segundo o seu relato, o día antes da redada da Garda Civil había discutido con elas para pedirlle que se fosen porque caducara o seu permiso de turista de tres meses, pasaban a estar irregulares no local e el non quería a ninguén sen papeis no lugar.
Este home, de nacionalidade brasileira e con permiso de residencia en España, traballara no club como camareiro e logo converteuse en administrador e socio e confirmou a versión da outra acusada de que era só camareira no local, sen ningunha responsabilidade nin relación persoal con el. Tamén que días antes de que a Garda Civil entrase no club en maio de 2018 ela foise a Romanía -de onde era natural- a ver á súa familia.
Ela, para a que a fiscala do caso pide 22 anos de cárcere, corroborou que a súa intención era quedar no seu país e só regresou polo proceso xudicial en marcha.
As tres mulleres que figuran como vítimas neste procedemento realizan un relato moi diferente e aseguran que alí se exercía a prostitución, que os dous acusados eran parella e tiñan a mesma responsabilidade e que toda a actividade aparecía reflectida nun caderno.
Este documento, ademais das declaracións das presuntas vítimas, será unha das probas crave neste xuízo. Ten anotacións sobre o día a día deste local, que segundo as vítimas era un puticlub e segundo os acusados, un club de alterne no que o beneficio do administrador era só polas copas que as mozas servían aos seus clientes.
O acusado principal asegurou que nese caderno as mozas que traballaban no local apuntaban cando subían á súa habitación cun cliente e os gastos que supoñía. Algunhas delas vivían en habitacións do propio club polas que pagaban 10 euros e o resto vivían fóra e, cando subían cun cliente, el pagaba 3 euros polas sabas e os preservativos. Por cada servizo sexual, cobraban 60 euros.
A súa versión é que as mozas exercían a prostitución libremente e non lle daban diñeiro a el e que nese local anotábanse eses movementos para uso delas. Usábano tanto elas como o camareiro ou el algunhas veces, pero sempre a pedimento das mulleres.
A outra acusada confirmou esa versión e asegurou que "ese caderno nin era meu nin o controlaba eu", mentres que unha das mozas que presuntamente se prostituía alí obrigada asegura que os dous acusados xestionaban ese caderno e que era, en realidade, a forma de ir contabilizando os servizos que elas ían facendo e o que gañaban e gastaban para ir saldando a débeda que contraeran cos acusados.
Pablo Víctor negou que existise tal débeda, pero esta moza cifrou a súa en 2.350 euros e declarou que tardou dous meses en pagala. A débeda procedía do billete desde Venezuela, a reserva do hotel que lle fixeron para simular que chegaba como turista, o cambio do diñeiro que lle deixaron para mostrar no aeroporto e roupa interior e aveños persoais que comprou cando chegou.
Esta moza sinalou que tiña unha situación económica moi mala en Venezuela, con tres fillos, e contactárona para exercer a prostitución en España, que foron ambos os acusados e que, á súa chegada, explicáronlle en que consistía o traballo e que primeiro debía devolver esa débeda. Dado que non gañaba diñeiro, en dúas ocasións pediulles 100 euros para enviar aos seus fillos, que foron engadíndose á débeda.
O xuízo deberá dilucidar se as mozas estaban no club obrigadas ou non. Elas aseguran que non tiñan liberdade de movementos, só podían saír os martes porque era o seu día libre e sempre acompañadas pola acusada ou por un taxista de confianza do administrador e que mesmo a ameazaba e a unha chegou a violala.
Os acusados aseguran, con todo, que podían saír libremente, que non había ningún cadeado na porta e que elas tiñan diñeiro que gastaban en comprar roupa de marca ou facerse a manicura. Como probas, achegaron fotos colgadas por elas en facebook que retratan momentos de lecer.
Relacionadas:
-
O responsable dun club de Meis, condenado por favorecer a inmigración clandestina e absolto de trata e prostitución
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia retoma o xuízo por trata de mulleres contra os donos dun club de Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendido o xuízo por trata de mulleres contra os donos dun club de Meis ante a falta dunha testemuña
Por Oskar Viéitez |
-
Os donos dun club de Meis, a xuízo por trata de mulleres e agresión sexual
Por Redacción |