A Xustiza dá a razón ao PP sobre unha subida ilegal do IBI que o Concello de Poio nunca chegou a aplicar
Por Redacción
O presidente do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, informou este martes que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de dar a razón ao recurso presentado polos populares e declara a nulidade da subida do IBI aprobada polo goberno local en decembro de 2020 “por ser contraria a Dereito”.
Sen embargo, desde o Concello saíron de inmediato ao paso destas declaracións para precisar que o incremento do 25 % que se valorou aplicar no seu momento a vivendas baleiras nunca se chegou a facer efectivo porque a Lei de Vivenda aprobada polo Goberno Central só contempla a posibilidade de aplicar esta suba a grandes propietarios. “O Partido Popular é perfectamente consciente de que esa medida non se chegou a facer realidade. Por desgraza para a veciñanza, a verdade é o de menos para o señor Moldes, sobre todo cando lle interesa ocultala para xerar a maior crispación e tensión posible entre a cidadanía”, sinalou o edil do BNG, Xulio Barreiro.
Nunha rolda de prensa na sede local do Partido Popular, Moldes detallou que a sentenza, "que nos foi notificada hoxe", considera nula a modificación da ordenanza do IBI impulsada por BNG, PSOE e Avante Poio que impoñía un recargo do 25 % nas segundas residencias. Un feito que, para os populares, vén a ratificar a denuncia do Partido Popular de que o Concello non lles pode subir os impostos aos veciños de forma unilateral.
En xaneiro de 2021, Moldes presentou un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impugnando a subida deseñada polo Concello. "Esgotamos toda a vía administrativa, presentamos recurso na Comisión de Facenda e foi rexeitado polos partidos que forman o tripartito. Tamén presentamos unha alegación no pleno que foi rexeitada por estes tres partidos e advertimos unha e outra vez que era unha subida inxusta e ilegal, e chegamos a recibir insultos e descalificacións do Goberno", lembrou o portavoz da oposición.
"Pasado ano e medio atopámonos cunha sentencia do TSXG que estima o recurso contra a subida do IBI do tripartito", sinalou Moldes, que sempre dixo que "era unha subida inxustificada, irregular e unha falta de respecto a todos eses veciños, moitos deles mariñeiros e obreiros que loitaron para deixarlle un futuro aos seus fillos. Agora sabemos que tamén era ilegal”, resolveu.
Despois de escoitar ao portavoz da oposición, concelleiro responsable de Facenda e Economía quixo precisar a interpretación de Ángel Moldes sobre o Imposto sobre Bens Inmobles do Concello de Poio. "A día de hoxe si están en vigor as bonificacións que se aplicaron no recibo do IBI, do 50 %, para familias numerosas que presenten unha declaración da renda anual que non supere os 30.000 euros. Tamén hai descontos neste recibo do 25 % para vivendas que fosen construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético. Existen, ademais, bonificacións para explotacións agrarias tamén en vigor desde este mesmo ano", enumera Barreiro.
Neste sentido, atacou ao voceiro popular ao que acusa de "intentar enganar á cidadanía asegurando que tamén entraba en vigor a modificación do IBI para vivendas baleiras, algo que non se produxo", dixo Barreiro botando a vista cara atrás ao momento no que entraron en vigor as bonificacións descritas anteriormente. "Seguiron cara adiante con este proceso a sabendas de que non se ía aplicar esa medida, tan só para conseguir ese ruído mediático que tanto lle gusta ao señor Moldes”, rematou sobre a sentenza do TSXG.
Relacionadas:
-
Os informes técnicos constatan que nunca se chegou a aplicar a recarga do 25% no recibo do IBI a segundas vivendas baleiras en Poio
Por Redacción |
-
O BNG de Poio carga contra "a manipulación e as mentiras" de Ángel Moldes
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio pide a dimisión de Xulio Barreiro despois de que o TSXG anulara a subida do IBI ás vivendas baleiras
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio sae ao paso "das mentiras do Partido Popular"
Por Oskar Viéitez |
-
Poio anuncia que xa se poden solicitar as bonificacións no IBI, viñeta e plusvalías
Por Redacción |
-
O PP de Poio critica a subida da 'viñeta' para coches, motocicletas e furgonetas
Por Redacción | Creada e actualizada