As patrullas verdes conquistan o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As contornas da ponte das Palabras de Monte Porreiro e da ponte dos Tirantes volveron a converterse este mércores nun campamento militar. Desde primeira hora da mañá, persoal da Brigada Galicia VII, Brilat, instalaron tendas e prepararon ambas as localizacións para volver ser escenario dunha cita xa tradicional e agardada por moitos veciños de Pontevedra: o paso dos militares que participan no concurso de patrullas Tui-Santiago de Compostela.
En Monte Porreiro realizan o salto de rápel e na contorna da ponte dos Tirantes usan o Lérez para o paso de río a nado, dúas das sete probas que deben pasar os patrulleiros que realizan esta proba. Como cada ano, sen parón nin pola pandemia, moitos pontevedreses son fieis a esta cita e os militares demostran as súas destrezas en dúas das probas máis esixentes do concurso.
O concurso, como sempre, supón o reto de percorrer os 120 quilómetros do Camiño Portugués entre Tui e Santiago mentres realizan sete probas de eminente carácter militar (percorrido topográfico, lanzamento de granadas lastradas, rápel, paso a nado dun río, tiro, paso de pista de aplicación e percorrido cronometrado).
Como sempre, en Pontevedra foron dúas, pero este ano, os habituais puideron notar algunhas diferenzas con respecto ás citas anteriores. A primeira, que as patrullas pasaron durante todo o día. A segunda, que en lugar de ser grupos de seis militares, reducíronse a tres.
Ambos os cambios veñen derivados das novidades incluídas na organización da proba, na que este ano existe unha nova modalidade, a categoría Azor, na que participan equipos de tres patrullas de tres compoñentes cada unha e, por substitucións, percorren un terzo do percorrido cada unha. Isto implica un adianto nos horarios que adoitaban ser habituais (sen poder concretalos porque depende de como avance as patrullas) para estas dúas localizacións, co paso de militares xa a partir das 12 do mediodía.
Mantense tamén a modalidade habitual, que agora se bautiza Compostela, e a elixida pola maioría dos participantes, na que a mesma patrulla realiza todo o percorrido e fai todas as probas menos o salto de rápel. Tamén nesta modalidade reducíronse os compoñentes de cada patrulla de seis a tres.
O salto de rápel non figura no seu percorrido este ano, pero si o paso a nado do río Lérez, de modo que nesta zona, houbo militares nadando con todo o seu cargamento de 7 quilos -excepto o fusil- durante moitas horas, primeiro os da modalidade Azor e xa pola tarde, os de Compostela.
O camiño están a percorrelo 210 militares distribuídos en 31 patrullas, 20 na modalidade Compostela e 11 na modalidade Azor. Todos de verde militar e todos co mesmo reto e espírito, resulta complicado saber de onde proceden se un non se fixa no escudo que portan no seu equipo, pero hai representación dos tres exércitos.
Participan a Brigada Aragón I, Brigada Rey Alfonso XIII II de La Legión; Brigada Guzmán el Bueno X, Brigada Extremadura XI, Brigada Guadarrama XII, Brigada Canarias XVI, Mando de Tropas de Montaña (MTM), Regimiento de Inteligencia 1, Agrupación de Apoyo Logístico (AALOG) 61 (Valladolid), Academia Básica del Ejército del Aire (ABA) de León, Tercio Norte (TERNOR) de Infantería de Marina (Armada) de Ferrol e oito unidades tipo Batallón do Grupo da Brigada Galicia VII.
Da Brilat, pero da súa base en Asturias procede o cabo Barreiro, do batallón Toledo do Rexemento Príncipe número 3. Xa ten experiencia de anos anteriores e cre que a nova modalidade Azor, que está a disputar este ano, permite "perfeccionar as probas" e "facer máis unidade", pois ao chegar os patrulleiros con menos cansazo acumulado de percorrer 120 quilómetros, poden dedicar máis enerxía ás sete probas.
O tenente Molla, do Rexemento de Cabalería Farnesio 12 da Brilat de Valladolid, é o responsable doutra patrulla da categoría Azor e comparte a súa opinión, pois considera que esta nova modalidade non supón tanto "desgaste físico" e permite demostrar "destrezas e técnicas e tácticas militares" nas distintas probas.
Ambos capitanean dúas patrullas que se sumaron a esta nova modalidade e que, como o resto dos participantes, levan semanas de duro adestramento para poder participar, que deben compatibilizar coa súa instrución habitual e a preparación de diversas misións. O resultado é que chegan "fortes mentalmente e fisicamente".
"Estamos adestrados para isto, estamos fortes", aseguran. A soldado Prado, do Rexemento Farnesio 12, ve este formato "máis accesible que o de 120 quilómetros", pero insiste en que igualmente foi necesaria preparación previa e práctica na realización das distintas probas. Agora, terán que demostralo cos resultados finais do concurso, que se coñecerán este xoves.