As rúas do casco histórico volveron celebrar o fin de curso
Por Mónica Patxot & Redacción
Éxito total no regreso da habitual gran festa de fin de curso do centro histórico de Pontevedra. Tras dous anos de parón pola pandemia, había ganas de festa e notouse nas rúas pontevedresas, que se encheron de nenos desexosos de celebrar.
A festa, organizada polo centro comercial urbano CCU Zona Monumental, chegou ás principais prazas do centro histórico e foi especialmente multitudinaria a presenza infantil na praza da Pedreira, onde a tradicional festa da escuma reuniu de decenas de nenos e nenas, animados por un DJ.
Durante a tarde, tamén resultaron un éxito de participación o rocódromo de 8 metros instalado na praza de Curros Enríquez e o touro mecánico e o tobogán inchable da rúa Sierra.
A festa tamén chegou a Méndez Núñez, cunha actividade para pintar caras e unha ludoteca creativa, e a Valentín García Escudeiro, onde se celebrou un taller de repostería creativo, ambos os dous plans máis tranquilos.