A Deputación de Pontevedra agarda unha ocupación hoteleira media na provincia entre o 70 e 75% en xullo e agosto
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu este xoves en rolda de prensa para dar conta das estimacións do Observatorio do Turismo que agarda porcentaxes de ocupación media na provincia entre o 70 e 75% en xullo e agosto e que avanzan que "será un verán espectacular", no que "imos superar o 2021 sen dúbida algunha e converterémonos, un ano máis, na provincia cos mellores datos turísticos de toda Galicia".
Carmela Silva destacou o esforzo "extraordinario" do mundo local e do sector para "situar á provincia na punta de lanza do turismo en Galicia".
No que se refire a xuño, os datos de ocupación turística á espera de que remate o mes, apuntan unha media de ocupación hoteleira do 60% o que supón 17,2 puntos máis que os rexistrados en xuño do ano pasado. Por comarcas Vigo sitúase no 70% de ocupación hoteleira (23,6 puntos máis que no 2021), a de Caldas no 67,9% (33,4 puntos máis), a de Pontevedra no 57,6% (11,3 puntos máis), as comarcas do Condado e da Paradanta están a rexistrar o 56,2% (43,9 puntos máis que no 2021), O Baixo Miño o 55,7% (case 9 puntos máis), O Morrazo o 54,1% (son 7,5 puntos máis), O Salnés o 50,3% (8 puntos máis) e Deza-Tabeirós case o 50% (22,5 puntos máis que no 2021).
En canto aos datos rexistrados no que vai de mes en cidades e principais destinos da provincia Vigo está a situarse no 75% en canto a ocupación hoteleira (23,8 puntos máis que no 2021), Pontevedra no 74% (21,3 puntos máis que no 2021), Baiona no 67% (17,9 puntos máis que no 2021), Sanxenxo no 52,1% (11,8 puntos máis que no 2021) e O Grove en case o 50% (11,6 puntos máis que no 2021).
ESTIMACIÓNS PARA XULLO E AGOSTO
A día de hoxe os establecementos hoteleiros da provincia contan xa cun 68% de reservas para xullo o que supón 12 puntos máis do rexistrado no mesmo mes do 2021.
Carmela Silva cre que estas previsións "poderían incrementarse entre un 15 e un 20% más o que situaría a media en preto do 80% que, é probable que se supere". Por comarcas, en xullo Vigo e O Morrazo agardan unha ocupación media do 77%, O Salnés superará o 75%, a comarca de Pontevedra o 73%, O Baixo Miño o 70%, as comarcas de Deza, Terra de Montes e Caldas situaranse por riba do 60% e as do Condado e da Paradanta no 51%.
No que respecta aos principais destinos e concellos turísticos Vigo en xullo agarda un 80% de ocupación, Baiona un 79%, Sanxenxo entre o 77 e o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%.
Para agosto, nestes momentos, a previsión sitúa á ocupación no 75% "aínda que vai ser máis alta seguro, xa que ese mes supera habitualmente os rexistros de xullo", afirmou a presidenta. Por comarcas, en agosto O Salnés e Vigo agardan ocupacións entre un 80 e 85%, O Morrazo e a comarca de Pontevedra entre o 75 e 80%, O Baixo Miño e Caldas entre o 70 e o 75%, O Condado e A Paradanta entre o 60 e 65% e Deza e Terra de Montes por riba do 60%.
No que respecta aos principais destinos e vilas turísticas Baiona agarda superar o 85% de ocupación, Vigo e Sanxenxo o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%. O verán nos establecementos de turismo rural agarda tamén uns datos "moi favorables, con ocupacións por riba do 65% en xullo e do 70% en agosto" e no caso dos cámpings a día de hoxe "as porcentaxes de reserva son xa moi importantes, cun 67% de media que serían máis de 15 puntos que os rexistrados no verán do 2021".
Nas vivendas turísticas estímanse datos "históricos", con reservas que superan o 72% en xullo e agosto e que poderían superar o 85% en toda a provincia, "con picos de cheo total en diferentes momentos do verán e áreas xeográficas".
A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer as novas accións de promoción turística centrada nos castelos de Soutomaior e Sobroso da man de Correos no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023.
Relacionadas:
-
O turismo de Sanxenxo alcanzou en xuño niveles récord e pre pandemia
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Portonovo permanecerá aberta ata finais de outubro
Por Redacción |
-
Galicia, o país dos 43 quilómetros de praias con bandeira azul
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación colaborará con Segittur para promover o modelo de Destino Turístico Intelixente
Por Oskar Viéitez |