A Plataforma 2018, apoiada por un milleiro de cidadáns, rexeita na rúa unha prórroga a Ence e Elnosa en Lourizán
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Ao redor de mil cidadáns manifestáronse polas rúas de Pontevedra para esixir que Ence e Elnosa non permanezan na súa actual situación en Lourizán.
A marcha convocada pola Plataforma 2018 integrada por diferentes colectivos da bisbarra percorreu o centro da cidade dende a Praza da Ferrería ata a Peregrina onde o escritor Carlos Solla leu un comunicado en contra da concesión dunha prórroga ás dúas empresas. Nesa concentración final, os asistentes proclamaban: "Vaite Elnosa e leva Celulosas".
Antón Masa, voceiro da Plataforma 2018 e representante de APDR, comentou que "creo que a poboación de Pontevedra entenderá a necesidade de creación da Plataforma e visualiza que a inmensa parte dos colectivos de Pontevedra están en contra da presenza de Ence e Elnosa na ría. O obxectivo é que non se lle dea ningún tipo de prórroga. Por dignidade do pobo non se pode permitir que estas dúas empresas que nunca cumpriron a lexislación e que están a destruir postos de traballo en Pontevedra non poden seguir no seu actual emprezamento. Está claro que a ría ten que vivir do que é a súa vocación natural que é a explotación racional dos recursos naturais, do turismo e da explotación racional do monte. Unhas empresas que o único que fan é impedir un desenvolvemento sustentable da explotación natural destes recursos non poden seguir onde están".
En relación ás críticas recibidas por parte de Comisiones Obreras en relación a que en Pontevedra só se apoian as manifestacións que destrúen postos de traballo, Masa indicou que os traballadores de Ence e Elnosa "teñen o dereito a reivindicar o seu traballo pero que terían que exisirlle á empresa que tiveran xa previsión, porque tiveron 50 anos para facelo, dunha localización alternativa a Lourizán"
Pola súa parte, o portavoz nacional del BNG, Xavier Vence, defendeu a saída de Ence-Elnosa da ría na data prevista de 2018 para indicar que "prolongar con argucias como pretende o PP a permanencia da pasteira na súa actual ubicación sería unha traizón á cidadanía de Pontevedra que leva anos reclamando a saída da empresa e a recuperación integral da ría".
A deputada socialista Patricia Vilán afirmou que "a prórroga de 2018 debería ser o último momento para rematar. A nosa idea é que se cumpra a normativa actual que era que se rematara a prórroga en 2018. Ence podería ser trasladada a outro lugar da comarca sendo máis moderna e menos contaminante que a actual. Elnosa incumpre a normativa medio ambiental da Unión Europea e o Partido Popular segue a permitirlle que continúe na ubicación actual. Outros 75 anos máis serían a defunción para a nosa comarca."
Relacionadas:
-
O Goberno traslada á Xunta a solicitude de prórroga de ENCE para seguir en Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma 2018 quenta motores para a marcha do sábado contra a permanencia de Ence e Elnosa na ría
Por Anxo Lourido |
-
A Plataforma 2018 fai un chamamento a manifestarse contra a consolidación do complexo industrial de Lourizán
Por Oskar Viéitez |