A Asociación Abiñadoira recupera as súas Xornadas Culturais con música, artesanía e unha romaría
Por Redacción
A Asociación Cultural Abiñadoira estrea o verán coa recuperación das Xornadas Culturais que este ano cumpren a súa vixésimo oitava edición. A cita, coa que colabora o Concello de Sanxenxo, desenvolverase en dúas localizacións: Praza Pascual Veiga e Rúa de San Isidro, dende o 1 ao 3 de xullo.
As xornadas inauguraranse o venres cunha actuación de Abiñadoira, ás 22 horas, na que se fará un repaso polo repertorio de gaita, pandeireta e baile na Praza Pascual Veiga.
Na mesma ubicación se celebrará o sábado, 2 de xullo, a sexta Xuntanza de Labores na Rúa, entre as 18 e as 21 horas. Unha xornada para poñer en valor e amosar distintos tipos de labores artesanais a través dun encontro aberto a todas as asociacións de calquera punto da xeografía que desexen participar e compartir a tarde palillando, calcetando ou bordando. Haberá sorteos de diferentes premios entre os participantes.
O domingo 3, a rúa San Isidro convertirase no escenario da XXVII Romería Tradicional. Dende as 9 horas, o vial contará con expositores nos que se poderán mercar productos típicos da zona como mel, chourizos, pan de millo, bizcoitos, empanadas... Tamén haberá unha taberna con viño do país, ademáis de churrasco e tortillas. Ao longo da xornada haberá música, baile e cantigas improvisadas. Este ano a romaría contará coa actuación da Banda de Música de Sanxenxo, arredor das 13 horas, e xa pola noitiña, ás 22 horas, terá lugar o concerto a cargo do Grupo Pan.Sen.Fron (Pandereteiras Sen Fronteiras).