Completada a restauración do Lavadoiro da Fonte Maceira despois de eliminar a simboloxía franquista
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas finalizou esta semana a restauración integral do Lavadoiro de Fonte Maceira, no lugar de Silvoso.
Encintouse todo o lavadoiro para que non teña fugas de auga, empedrouse o chan do entorno do lavadoiro e instaláronse novas columnas e capiteis de pedra e unha cuberta realizada en madeira e rematada con tella.
Esta restauración integral fíxose con cargo á subvención de 2021 "Retirada da simboloxía franquista" da Deputación de Pontevedra, a través da cal o Concello de Ponte Caldelas recibiu 9.918 euros para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación do Lavadoiro de Fonte Maceira, en Silvoso, unha construción de titularidade municipal que tiña na súa fronte unha pedra gravada co xugo e as frechas da Falanxe.
Ademais, a obra contemplou a demolición da estrutura de formigón existente que foi substituída por columnas e capiteis de pedra e unha cuberta realizada en madeira e tella.
"Recuperar e conserevar en bo estado o noso patrimonio é sinal de respecto ós nosos ancestros, que tanto se esforzaron para construir estes lavadoiros e tanto traballaron neles", lembra o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.