Un verán que tarda en chegar ás Rías Baixas
Por Redacción
Desde hai uns días é oficialmente verán, pero nas Rías Baixas a estación máis calorosa do ano non acaba de chegar na práctica.
Tras varias xornadas de ceos nubrados e pendentes dos paraugas, a choiva si que empeza a afastarse co inicio da nova semana, aínda que segundo prognostica o servizo meteorolóxico MeteoGalicia as temperaturas, en especial as mínimas, seguirán sendo polo momento "baixas respecto a o habitual nesta época do ano".
De feito tanto este luns como o martes 28 de xuño a temperatura mínima roldará os 9 graos, mentres que as máximas estarán ao redor dos 22 graos.
En canto ao ceo, o sol gaña terreo con "unha alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco anubrados ou despexado", aínda que "se esperan precipitacións o martes pola noite", avanza MeteoGalicia.
A situación previsiblemente mellorará a partir do xoves e de cara á próxima fin de semana, coincidindo coa entrada no mes de xullo, cando "as altas presións iranse achegando polo oeste traendo tempo máis estable con predominio da circulación do nordés. A probabilidade de choivas será baixa en xeral y as temperaturas estarán en ascenso alcanzándose valores normais para a época do ano para a fin de semana".
Será entón cando, ao fin, alcanzaranse uns valores máis propios do verán, con máximas que poden chegar aos 28 graos e mínimas que poden subir ata os 17.