Se vives nun edificio de máis de 60 anos, tes pouco máis dun ano para pasar a ITV
Por Alejandro Espiño
A ordenanza municipal para a inspección e revisión do parque de vivendas de Pontevedra, a coñecida como ITV dos edificios, terá que adaptarse á nova lexislación autonómica e, entre outros cambios, modificarase o calendario para certificar o bo estado do inmoble.
Así, todos os edificios residenciais colectivos construídos antes de 1963, é dicir, que teñan 60 anos ou máis de antigüidade, deberán presentar o certificado da súa inspección antes do 30 de decembro de 2023, segundo subliñou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
No caso dos inmobles construídos entre os anos 1963 e 1971, a data que deberán cumprir os seus propietarios será o 20 de maio de 2024.
Para o resto de vivendas, entre elas as unifamiliares, deberán pasar a revisión as que foran construídas antes de maio de 1971. A certificación da súa ITV deberá presentarse antes do 22 de marzo de 2026.
A vixencia destas inspeccións será de dez anos, que comezarán a contar desde a elaboración da inspección ou desde que se resolvan as deficiencias detectadas.
Dentro dos cambios que se introducirán na ordenanza municipal, tras a entrada en vigor da lei galega de rehabilitación e rexeneración urbana, agora será obrigatorio presentar a certificación enerxética dos edificios inspeccionados.
Ademais, os técnicos terán máis facilidades para presentar a documentación, ao eliminar os diferentes modelos de instancias e suprimirase o rexistro municipal de edificios para traballar unicamente co que, a nivel de toda Galicia, habilitou a Xunta.