Identificados tres menores en Vilagarcía por danar coches aparcados na rúa
Por Redacción
As principais incidencias rexistradas durante a longa fin de semana festiva en Vilagarcía foron a identificación por parte da Policía Local de tres menores por causar danos en vehículos estacionados na rúa e a imposición de dúas denuncias a un mesmo establecemento de ocio nocturno por permitir a entrada e vender alcol a menores. A maiores, entre o 23 e o 26 de xuño rexistráronse catro accidentes de circulación leves e se tramitou un atestado a unha persoa por conducir un vehículo carecendo do preceptivo permiso.
A madrugada do día 24 a Policía recibiu unha chamada advertindo de que se estaba a queimando un colchón nos soportais da rúa Manuel Antonio. Desprazados ao lugar e apagado o lume, ao comprobar os danos causados detectouse que, ademais, había tres vehículos estacionados nesa mesma rúa aos que lle foran arrancados os espellos retrovisores.
Pouco tempo máis tarde reciben outra chamada de veciños alertando de que había uns mozos perseguindo e arrancándolle as plumas aos patos no río do Con. Os axentes localizaron e identificaron a estes tres mozos, todos menores de idade, dous residentes en Vilagarcía e un en Vilanova. A este último, por carecer de medios para volver a casa, avisouse ao pai para que viñese a facerse cargo del.
Mais tarde, revisadas as gravacións das cámaras de seguridade dun establecemento da rúa Manuel Antonio, logrouse identificar a eses mesmos tres mesmos mozos como os causantes dos destrozos nos vehículos, razón pola cal se instruirán as pertinentes dilixencias ante a Fiscalía de Menores.
LOCAL DE LECER
E no que ao control periódico de establecementos de ocio nocturno se refire, na madrugada do domingo 26 de xuño, como consecuencia da chamada dunha nai á que, que segundo manifestou, non deixaban pasar ao interior dun local da TIR a buscar ao seu fillo "por motivos de aforo", a Policía acudiu ao establecemento pasadas as dúas da madrugada, comprobando que no seu interior había varios menores de idade consumindo bebidas alcohólicas. Como consecuencia, levantáronse as correspondentes actas de denuncia por permitir a entrada e venta de alcol a menores.