Elsamex encargarase do mantemento dos espazos públicos por 726.000 euros anuais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Eva Vilaverde, concelleira responsable de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, anunciaba este martes a adxudicación do novo contrato de mantemento dos espazos de Pontevedra á empresa Elsamex por un montante de 726.000 euros anuais por un período de dous anos prorrogables por outros dous (1+1).
Elsamex impúxose no concurso a outras tres empresas. Segundo a mesa técnica, esta entidade especializada na prestación de servizos de construción, conservación e mantemento de infraestruturas ofreceu a mellor oferta ao incluír unha baixa porcentual do 13% sobre os prezos unitarios e unha mellora dos equipos humanos respecto a as condicións establecidas nos pregos do concurso, con catro operarios máis.
A súa actividade centrarase en manter no mellor estado posible os espazos públicos urbanos a través do coidado de mobiliario, pintado, pavimentos e outras estruturas singulares. Segundo explicaba, Eva Vilaverde, a intensidade do uso e as actividades habituais na rúa provocan a necesidade de ampliar os esforzos para "manter e mellorar o estándar de calidade".
A concelleira indicou que a empresa garante a presenza de tres brigadas con carácter permanente na rúa e un equipo de retén. Ademais para actuacións especiais como traballos de asfaltado ou ferraxería, a entidade adxudicataria estudaría a incorporación dalgún equipo máis. A estes grupos de traballo súmanse, por outra banda, as actividades que tamén desenvolven as brigadas municipais.
A empresa Elsamex, segundo explicou Vilaverde, dedicarase principalmente ao tratamento preventivo e correctivo nos espazos públicos tentando evitar que se rexistren incidencias, ao mesmo tempo deberán atender casos inusuais. Pola súa banda, as brigadas municipais encargaranse das emerxencias e das actividades que requiran inmediatez. O novo contrato inclúe entre as obrigas da empresa adxudicataria atender un maior número de casos de traballos de carpintería, ferraxería e tratamento de metal, pintados, vernizados, atención de estruturas singulares como muros, peches e pontes.
Para formalizar a contratación, Elsamex deberá presentar a documentación no próximos dez días hábiles e o goberno local espera que a acta de inicio se asine ao longo do próximo mes de xullo.
Relacionadas:
-
Dez días de reasfaltados en calzadas de dez puntos da cidade
Por Redacción |
-
Aumentan ata os 726.000 euros anuais o contrato de mantemento de espazos urbanos
Por Alejandro Espiño |
-
O concelleiro de Obras Urbanas destaca que "o nivel de esixencia que temos os veciños de Pontevedra é moi elevado"
Por Oskar Viéitez |