Ence responde a Lores que "en ningún caso debe confundirse" o novo proxecto das Pontes coa "imposible recolocación" de Lourizán
Por Redacción
A empresa Ence quixo insistir este martes na "imposible recolocación" da súa fábrica de Lourizán noutro emprazamento. Fíxoo un día despois de que confirmara que estuda poñer en marcha unha bioplanta de biomateriais complementaria a Pontevedra na localidade coruñesa das Pontes e en resposta a unhas declaracións do alcalde e o tenente de alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández.
A firma quixo aclarar que "en ningún caso debe confundirse" este novo proxecto nas Pontes coa actual factoría pontevedresa.
Así, esta nova planta coruñesa é "completamente diferente" á biofábrica de Ence Pontevedra, pois "non se trata dunha planta de produción de celulosa, senón que producirá fibras naturais recicladas, a partir de cartón e papel recuperados".
Nesta liña, insisten que se trata dun proceso que "nada ten que ver co que se realiza en Ence Pontevedra".
Ademais, lembran que diferentes estudos realizados por consultoras independentes como Poyry e Idom confirmaron que "non existe ningún outro emprazamento en toda Galicia" que poida situar unha instalación das características da fábrica de Lourizán.
A nova planta proxectada para As Pontes terá dimensións e consumos moi inferiores aos da planta de Pontevedra e estará dedicada a unha actividade "completamente autónoma e diferenciada".
Sobre o futuro da factoría pontevedresa, asegura que "esgotará" todas as vías xurídicas na defensa da legalidade da prórroga extraordinaria da concesión de Pontevedra. Actualmente, Ence está á espera de coñecer a decisión do Tribunal Supremo, tras a aceptación de dous recursos de casación.
Relacionadas:
-
ENCE e a Xunta presentan nas Pontes o proxecto de papel tisú como "complementario" da factoría de Lourizán
Por Anxo Lourido |
-
O alcalde das Pontes mostra os "brazos abertos" a Ence e avanza "todas as facilidades" para a súa instalación
Por Oskar Viéitez |
-
Lores, sobre o proxecto de ENCE en As Pontes: "Dicían que non había onde e parece ser que si había"
Por Alejandro Espiño |
-
ENCE quere instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú en As Pontes
Por Oskar Viéitez |