O alcalde das Pontes mostra os "brazos abertos" a Ence e avanza "todas as facilidades" para a súa instalación

Por Oskar Viéitez
O alcalde das Pontes e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrou os "brazos abertos" á instalación dunha fábrica de biomateriales e de papel tisú de Ence no seu municipio.
Formoso avanzou "todas as facilidades" para que Ence estableza a súa factoría nun pobo que "leva 30 anos ofrecéndose como un gran centro de transformación da madeira", para o que ten "todas as potencialidades".
O rexedor lembrou que As Pontes está "xusto no centro do eixo de maior produción forestal de Europa, entre Ferrol e A Mariña" pero ademais " estamos situados á beira dunha gran fonte de auga para a subministración de auga crúa industrial; temos gas natural de alta presión; temos subministración enerxética; mentalidade industrial...".
O mandatario socialista tamén sostivo que cando se xeran expectativas nunha comarca que "está moi necesitada de boas noticias" hai que "ser prudentes" ata que se concrete se "a viabilidade do proxecto depende da obtención de fondos públicos ou se, aínda que estes sexan menores, o proxecto pode saír adiante igual".
Por iso o alcalde das Pontes quere escoitar "directamente" por parte da empresa "cal é a súa intención" xa que "dada a experiencia que temos de grandes proxectos que ao final tiñan unha gran dependencia de subvencións públicas, queremos despexar esa incógnita antes de ilusionarnos con plenitude", dixo.
Formoso fixo estas declaracións antes de asistir ao acto de entrega das Medallas Castelao en Santiago de Compostela.
Relacionadas:
-
ENCE e a Xunta presentan nas Pontes o proxecto de papel tisú como "complementario" da factoría de Lourizán
Por Anxo Lourido |
-
Ence: "en ningún caso debe confundirse" o novo proxecto das Pontes coa "imposible recolocación" de Lourizán
Por Redacción |
-
Lores, sobre o proxecto de ENCE en As Pontes: "Dicían que non había onde e parece ser que si había"
Por Alejandro Espiño |
-
ENCE quere instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú en As Pontes
Por Oskar Viéitez |