VÍDEO.- O Camiño Portugués máis inclusivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A praza de España de Pontevedra era na mañá deste mércores un fervedoiro de peregrinos. 52 en total, todos visiblemente emocionados. Encaran a terceira etapa do Camiño Portugués, tras partir de Tui o luns, e teñen por diante aínda varias xornadas de peregrinaxe e inclusión. Organizado por Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual, este xacobeo persegue, a través do deporte e da experiencia do camiño, visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual.
Na praza de España fixeron un alto no camiño, unha pequena parada para atoparse con representantes da Policía Nacional, que os acompañaron durante parte do seu roteiro. O comisario provincial en funcións, Juan José Diaz, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, mantiveron con eles unha pequena charla sobre a experiencia e, tras a pertinente foto de equipo, seguiron roteiro.
Esta peregrinación realízase de forma simultánea nos diferentes roteiros a Compostela, cun total de 473 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España. O Camiño Portugués faino un grupo de Gandía e Ourense e a súa coordinadora, Raquel Montero, recoñece que todos os peregrinos están "super contentos e super orgullosos". E "lévano xenial".
A segunda etapa resultou "dura", pero non perderon o ánimo. "Estou alucinando", recoñece a súa coordinadora, que destaca que o "máis importante" é que están a gozar o camiño. Eles confírmano. Marimar, de Ourense, recoñece que "é un pouco duro", pero que vai "ben". Juan Carlos, de Gandía, engade que "cansa moito, é moi longo", pero a experiencia está "moi ben".
Para Marimar, o único problema é que "son poucos días, tiñan que ser máis". O domingo rematarán e regresarán a casa, pero se fose por ela, seguiría varios días máis. O mellor é que "coñecemos xente nova". Para Juan José, o mellor é "a montaña, que está moi bonita; as cidades, que están moi chulas; e a xente" e ten "ganas de facer moito máis".
Esta peregrinación é xa un clásico de cada Ano Santo desde 1993 que organiza Special Olympics co fin de visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual e tamén ás familias, profesionais e persoas voluntarias que o conforman.
Entre o 27 e o 3 de xullo, un total de 303 peregrinos de toda Galicia sumados aos 170 peregrinos procedentes de Murcia, Barcelona e Valencia, son os protagonistas destas peregrinacións, que se desenvolven a través dos Camiños de Inverno, Camiño Norte, Camiño Primitivo, Camiño Francés, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Vía da Prata.
Despois de 6 días de peregrinación, o 3 de xullo terá lugar a etapa final, na que se reunirán todos os peregrinos que estiveron a percorrer os diferentes camiños para facer a última etapa entre o Monte do Gozo e a Alameda de Santiago, unha "etapa simbólica" que terminará cun acto relixioso a cargo do Arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio.
Relacionadas:
-
O Camiño Portugués, a ruta xacobea máis feminizada, con máis peregrinas mulleres que homes
Por Natalia Puga |
-
O programa de vacacións de Special Olympics Galicia recunca en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Special Olympics presenta en Pontevedra un programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual
Por Redacción |
-
Os participantes do campamento Special Olympics fanse gardas civís por un día
Por Manu Otero & Cristina Saiz |