Os marinenses máis pequenos gozan da renovada praza de Ponteporto e os maiores dos Cantos de taberna
Por Oskar Viéitez
A Praza de Ponteporto luce totalmente renovada, despois da inversión de máis de 237.000 euros que realizou o Concello de Marín para pavimentar e impermeabilizar toda a superficie, unha actuación coa que se solucionaron os problemas de humidades que afectaban ao establecemento que hai baixo a praza.
Non puido haber mellor oportunidade para reinaugurar a praza co seu novo parque infantil que a festa de fin de curso da Gardería Dalila, ata á que se achegaron a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín.
Os pequenos da casa desfrutaron de distintos xogos que se instalaron na praza, así como da amenización musical do grupo folclórico Pousos da Area.
A superficie total sobre a que se actuou coa renovación é de 1.056 metros cadrados, aos que se suman 25 máis das escaleiras de acceso desde a Avenida de Ourense e da escaleira central que comunica os dous niveis da praza.
Aproveitando o proxecto de mellora, renovouse parte do mobiliario urbano, coa instalación de 7 novos bancos, e cambiáronse as luminarias da praza por bombiñas de tecnoloxía LED.
CANTOS DE TABERNA
Por outra banda, este venres, Marín volverá soar a Cantos de Taberna. O concelleiro Manuel Santos presentou a actividade xunto con representantes de Os Saljariteiros, o grupo anfitrión, que estará acompañado dos vigueses Zurrumalla e dos cangueses Peis D`Hos.
Os cantos comezarán a partir das 21.00 horas e terán o seguinte reparto por establecementos: Zurrumalla (Bar Miño, Bar Montse, Rincón de Juansito, Bar Atalaya), Peis D`Hos (Bar Tres Azares, Restaurante Casa Dora, Bar A Capeleira, Bar Alameda), Saljariteiros (Café Real, Bar Xeitosa, Café Carballinés, Café Aroma).