Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras desmárcase do acordo de convenio subscrito por UXT e CIG coa empresa Acciona que contempla as principais reivindicacións do persoal de 130 traballadoras do servizo de limpeza da concesionaria dos hospitais Provincial e Montecelo da cidade de Pontevedra.
Segundo xustificou o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa "a cuestión que nos leva a non asinar este convenio é como se trata a igualdade de xénero neste convenio colectivo" xa que asegurou que "non hai maior discriminación de xénero que a que se dá na limpeza do Complexo Hospitalario".
Comisións Obreiras non asinou o acordo entre o comité e a dirección de Acciona que foi ratificado en asemblea pola maioría das traballadoras. Entre outras melloras o convenio, que previsiblemente entrará en vigor no outono, distribúe mellor os descansos e contempla pluses de perigosidade e absentismo.
Con todo, García Pedrosa insistiu nas "cuestións de Igualdade" e puxo como exemplo que dun persoal de aproximadamente 140 traballadoras, das que o 90% son mulleres, "non hai ningún posto de responsabilidade, a ningún nivel, que estea desempeñado por unha muller".
Ademais engadiu que "hai unha situación de brecha salarial de xénero" cos traballos de especialistas (limpeza de cristais, recollida de lixo ou uso de máquinas de abrillantado) que só están ocupados por homes que cobran por esta tarefa un plus de 90 euros. Con todo, cando as mulleres desempeñan esta función non se paga este complemento e tampouco se promociona ás limpadoras aos postos de especialista.
Tamén apuntou que este convenio non incorpora "ningunha das medidas de mellora da conciliación" nin o Plan de Igualdade, con apartados relativos ao acoso laboral e á violencia de xénero, algo que se contemplaba a proposta unitaria que defendían nun principio os tres sindicatos UXT, CC.OO. e CIG.
"A nós parécenos que este convenio non vai cos tempos", dixo García Pedrosa. O secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras fixo "autocrítica" e lamentou que "os sindicatos non podemos ter un discurso de defensa da Igualdade e cando se trata de facela efectiva na negociación do convenio colectivo esquecémonos".
Comisións Obreiras anuncia que seguirá reivindicando estas cuestións "imos seguir dando a tabarra" para "polo menos sacar as cores e que o Sergas lle dea un toque á empresa".
Relacionadas:
-
Denuncian unha "fenda de xénero brutal" no servizo de limpeza que presta Acciona nos hospitais de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Persoal de Acciona sae á rúa para reclamar a readmisión dunha traballadora da limpeza hospitalaria
Por Redacción |
-
Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza do Provincial
Por Anxo Lourido |
-
O Sergas pecha durante 15 días o ambulatorio de Raxó e non cubrirá as vacacións do persoal no Centro de Saúde de Baltar
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Desconvocada a folga no servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio
Por Manu Otero |
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |