Estrasburgo e Pontevedra estreitan lazos cunha visión compartida sobre o futuro das cidades
Por Alejandro Espiño
As cidades de Pontevedra e Estrasburgo, cada unha co seu propio modelo, comparten un mesmo obxectivo: que os seus centros urbanos sexan cada vez máis amables e sostibles, mellorando a calidade de vida dos seus habitantes e avanzando cara á accesibilidade universal.
Dentro desta visión global, ambas as urbes estreitaron lazos durante a presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nesta cidade francesa, na que explicou a transformación urbana da Boa Vila nun foro celebrado no Parlamento europeo.
Nas súas últimas horas en Francia, Fernández Lores mantivo un encontro institucional co tenente de alcalde da cidade, Joel Steffen, despois de que a recepción coa alcaldesa, Jeanne Barseghian, tivese que ser suspendida por enfermidade da rexedora.
Á reunión, que se celebrou na sede deste concello francés durante máis dunha hora, acudiu tamén o concelleiro responsable de promoción económica en Estrasburgo, cidade onde goberna unha coalición verde; o tenente de alcalde pontevedrés, Tino Fernández; e Ana Miranda, que a finais do próximo mes de agosto tomará posesión como eurodeputada polo BNG.
Fernández Lores explicou que os seus interlocutores "xa coñecían o modelo Pontevedra" e mostráronse interesados en visitar a cidade "e coñecela en profundidade".
En Estrasburgo, segundo lle trasladaron os seus responsables ao alcalde pontevedrés, "están a facer cousas" no ámbito da peonalización para "mellorar a vida dos cidadáns", impulsando ademais as ciclovías e o uso do tranvía que conecta toda a cidade.
O de Pontevedra, defendeu Lores, "é un proxecto máis rematado, máis integral", polo que esperta un maior interese noutras cidades, entre outras cuestións, ante a preocupación existente pola perda de poboación das grandes urbes.
"Se podemos servir de exemplo e inspiración estamos encantados de poder axudar", sentenciou o alcalde de Pontevedra.
COLABORACIÓN CO CONSELLO DE EUROPA
A delegación pontevedresa celebrou na súa última xornada en Estrasburgo outro encontro con responsables do congreso de autoridades locais, organismo do Consello de Europa que representa aos gobernos rexionais de 46 países europeos.
O alcalde, que estivo acompañado do tenente de alcalde para que estivese representado todo o goberno municipal, foi recibida por Marité Mora, xefa de departamento deste órgano, unha diplomática de orixe galega.
"Foi unha reunión moi interesante", sinalou Fernández Lores, na que Pontevedra mostrou a súa disposición para colaborar con calquera urbe, especialmente as de mediano tamaño, ás que o seu modelo urbano "poida resultarlles inspirador".
Este comité, entre as súas funcións, trata de definir "por onde deben ir as cidades con respecto ao cambio climático", polo que os seus dirixentes están "moi interesados", segundo o rexedor pontevedrés, en manter contactos posteriores para "achegarlles algunhas cousas".
Relacionadas:
-
Unha delegación do grupo parlamentario Alianza Libre Europea visita Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana
Por Redacción |
-
Ideas urbanas pontevedresas toman camiño de Montpellier
Por Redacción |
-
Pontevedra serve de inspiración para a transformación urbana de Paços de Ferreira
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, satisfeita de cumprir "todo os obxectivos" en Estrasburgo
Por Alejandro Espiño |
-
Europa mira cara Pontevedra na busca de inspiración para peonalizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Un "fallo de configuración" no despegue do avión complica a viaxe de Lores a Estrasburgo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, invitada a explicar a súa transformación urbana no Parlamento Europeo
Por Alejandro Espiño |