Chega 'Da túa man', unha campaña destinada ao comercio local de Poio
Por Redacción
A Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís, impulsa o proxecto 'Da túa man', unha campaña que está encamiñada a impulsar a actividade, a visibilidade e o desenvolvemento no que a novas tecnoloxías se refire, entre outros aspectos, dentro do comercio local.
Tal e como adiantou o titular responsable deste departamento, está previsto que a través deste programa proximamente se desenvolvan diferentes accións e iniciativas para os profesionais deste sector. "Xa tivemos unha primeira reunión informativa con responsables da Asociación de Empresarios EnPoio para adiantarlles algúns detalles e a acollida resultou positiva", sinala Agís Gómez, que adianta que nas vindeiras semanas convocarase un novo encontro para dar a coñecer máis polo miúdo a folla de ruta a seguir a través desta campaña.
Esta campaña contará cun orzamento que superará os 120.000 euros e que se financiará no seu 85% a través de fondos Next Generation. Precisamente, no último Pleno ordinario aprobouse unha modificación de crédito que permitirá ao Concello asumir o 15% restante da contía, que ronda os 20.000 euros aproximadamente.
A axuda obterase a través da Deputación de Pontevedra e grazas ao Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado pola Unión Europea e que impulsa o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.
Tal e como detalla o concelleiro de Promoción Económica, entre as actuacións a financiar inclúense o desenvolvemento de espazos web e aplicacións para dar visibilidade ao comercio local, así como para o lanzamento de campaña en soportes dixitais. Ademais, a través de 'Da túa man' tamén se apostará pola transformación e mellora dos puntos de venta, así como da sostibilidade ecolóxica. Por último, tamén haberá un apartado específico para a formación.
"Entendemos que esta campaña cumpre cos requisitos e coa filosofía que marca a nosa folla de ruta desde a área de Promoción Económica no que ao reforzo da posta en valor e diferenciación do noso comercio se refire", asegura Gregorio Agís, que tamén lembra que deste este departamento se porá en marcha en verán un taller de moda textil, para o cal continúa habendo prazas dispoñibles.
Pódese obter máis información enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellopoio.org. Este curso, que se fará ao longo do mes de xullo, contará cunha duración de 60 horas, 45 de formación on line e 15 presencial.
As sesións serán do 12 ao 26, sendo as presenciais os días 14 e 26, que serán no Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán). O exame final terá lugar a mediados de setembro.