En marcha un inventario exhaustivo das plantas e flores da Carballeira de Caldas
Por Redacción
Esta semana completarase o primeiro inventario de plantas e flores da Carballeira de Caldas para coñecer a súa riqueza e promover a biodiversidade neste espazo natural que conta cunha especial protección como Ben de Interese Cultural e como formación incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
Este inventario actualizarase periódicamente para coñecer a evolución nas diferentes estacións do ano e será divulgado no propio espazo e nos centros educativos.
Despois de tres anos sen grandes concertos nin festas por mor da Covid, a Carballeira mellorou ostensiblemente o seu estado, e xerouse de forma progresiva vexetación diversa que contribúe á descompactación do solo, á aparición de novas especies de insectos, reptís e aves que contribúen a enriquecer o ecosistema da Carballeira xunto ao río Umia e a mellorar o estado de saúde dos carballos centenarios de Caldas no seu própio hábitat.
Un equipo interdisciplinar dirixido polo Doutor Enxeñeiro Agrónomo, Pedro Calaza, e no que colabora tamén o Grupo Naturalista Hábitat, seguen estudando diferentes aspectos da Carballeira tal e como se propoñía no Plan Director das Árbores do Xardín Botánico, no que se establecía a redución das rozas indiscriminadas e continuas de todo este espazo singular.
Pedro Calaza dirixe actualmente a Escola Galega da Paisaxe, tamén na súa calidade de doutor arquitecto da paisaxe.
Na última visita técnica realizada comprobouse que as zonas que foron obxecto de rozas recentes foron ocupadas por plantas exóticas invasoras, mentres que as que non foron obxecto de rozas durante meses teñen unha gran diversidade de plantas e flores que atraen aos polinizadores, conservan a humidade e redistribúen a auga e os nutrientes para os carballos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliña que a Carballeira de Caldas é "a principal carballeira de Galicia, con case 140 anos de historia e 150 árbores, e agora é imprescindible priorizar a súa conservación dende o punto de vista natural. Temos que concienciarnos que uso excesivo deste espazo impedía o crecemento da vexetación e todo o sustrato era terra moi compactada, e agora temos que valorar a importancia desta vexetación para continuar mellorando a saúde das propias árbores históricas, seguindo as directrices dos expertos".
O Xardín Botánico de Caldas, e a propia Carballeira e os choróns, teñen a “Q de calidad turística” que otorga o Instituto de Calidad Turística de España, e periodicamente son obxecto de auditorías externas que constatan a sistemática nas accións de conservación, podas, limpeza e atención ao público, entre outros moitos aspectos. As accións de podas de seguridade son autorizadas polas consellerías de Cultura e de Medio Ambiente en base aos proxectos técnicos realizados por biólogos expertos en xardíns históricos que utilizan os procedementos e técnicas máis avanzadas”.
Relacionadas:
-
Tres espazos naturais de Caldas, certificados como destino de turismo científico botánico
Por Redacción |
-
A Universidade de Santiago deseña unha proposta para controlar e reducir as plantas invasoras no río Umia
Por Redacción |
-
A ansiada restauración da carballeira e o xardín botánico de Caldas, máis preto
Por Redacción |
-
Retiradas plantas exóticas invasoras na Carballeira de Caldas e na Fervenza de Segade
Por Redacción |
-
PortAmérica eleva o pano dos grandes festivais do verán nas Rías Baixas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Identifican setenta especies de aves e lepidópteros na carballeira de Caldas
Por Redacción |