Cerponzóns envórcase con Manuel Gallego, sen casa e denunciado: "nunca causou problemas con ningún veciño"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A veciñanza de Cerponzóns amosa estes días a súa "preocupación" pola situación do seu veciño Manuel Gallego Fariña. O primeiro motivo de preocupación é que desde o pasado 20 de xuño a súa casa está en proceso de demolición e quedou sen un lugar no que vivir, pasando a durmir nun galpón dunha leira anexa. O segundo, a denuncia interposta por outra veciña por ameazas e abuso sexual, que o levou a pasar a noite de mércores para xoves nos calabozos.
Esta preocupación levou a un grupo de veciños a buscar formas de axudar a Manuel Gallego, coñecido en Leborei como Manolo. Este domingo ás 16.00 horas hai convocada unha asemblea veciñal no centro social. A convocatoria era previa, pero agora decidiron engadir un punto na orde do día para buscar como apoialo.
O primeiro punto da orde do día será, segundo explican, "ver como podemos facer para mostrar apoio a Manolo, que se sinta arroupado con esta situación". Puxérono de primeiro punto porque están "todos preocupados con este tema" e porque "o punto máis importante para nós agora é mostrarlle apoio".
No caso da cuestión urbanística, todos respectan a decisión da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que ordenou o derrubamento por carecer de licencia, non a discuten, pero senten preocupación polo seu veciño. "Que che tiren a casa e non teñas onde meterte... doe moito", sinalan.
"Ningún veciño discute a decisión da APLU, non temos nada que obxectar", aclaran pero si que cren que o seu veciño precisa axuda. Mesmo están a recadar fondos a través dunha conta bancaria para axudalo.
No caso da denuncia por ameazas e abuso sexual, tamén se amosan respectuosos coa investigación policial e xudicial, pero queren darlle o seu apoio porque aseguran que "coñecemos a Manolo de toda a vida, non cremos que sexa un acosador, mesmo podería ser el a vítima, en realidade; non temos claro que o culpable sexa Manolo".
A denuncia interpúxoa, tanto no tema da casa como dos abusos e ameazas, a mesma veciña, residente a moi poucos metros da casa agora demolida de Manuel, e que ten problemas con moita xente no lugar de Leborei, en Cerponzóns.
Mentres Manolo "nunca causou problemas con ningún veciño", a súa denunciante si que o fixo. Trátase, segundo explican, dunha persoa "que non ten especial relación con ningún veciño" e que "hai varios veciños denunciados por ela por diferentes motivos".
Así, interpuxo denuncias contra veciños e contra o propio Concello de Pontevedra por cuestións urbanísticas, pero tamén por problemas de distinta índole, e algunhas chegaron mesmo ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ao Tribunal Supremo.
A denuncia por abuso sexual estase investigando, pero lembran que esta muller xa presentou outra en 2019 que acabou en absolución e que Manolo e a súa veciña "teñen rifas desde hai anos".
"Cústanos creo", sinalan veciños que prefiren non dar o seu nome porque aseguran que se fan eco do sentir maioritario da cidadanía. Todos os veciños consultados por este xornal amosaron o seu apoio unánime.
Relacionadas:
-
Un conflito veciñal en Cerponzóns, ante o tribunal: unha muller denuncia "un sinvivir" e abusos e o acusado que "todo é falso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Cerponzóns mostran o seu apoio a Manuel Gallego ante as ruínas da súa casa demolida
Por Natalia Puga |
-
A veciñanza de Cerponzóns prepara mobilizacións de apoio a Manuel Gallego: "Estamos contigo"
Por Natalia Puga |
-
Manuel Gallego, denunciado por ameazas e abuso sexual a unha veciña, deféndese: "Eu non fun, inventouno"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido o dono dunha casa derrubada en Leborei por ameazas e abuso sexual a unha veciña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada