Xullo irrompe cunha fin de semana de temperaturas superiores aos 30 graos nas Rías Baixas e risco de treboadas
Por Redacción
A influencia das altas presións aséntase sobre Galicia durante este venres 1 de xullo. O mes arrinca con ceos pouco nubrados ou despexados en xeral coa posibilidade de néboas costeiras no litoral atlántico, principalmente ao longo da tarde. As temperaturas máximas ascenderán de maneira moderada, alcanzando os 25 graos nas Rías Baixas. Os ventos comezarán a xornada frouxos de dirección variable, cambiando a compoñente norte co avance do día, segundo as predicións do servizo de Meteogalicia.
A fin de semana preséntase con temperaturas cálidas. O sábado mantense a influencia das altas presións, con réxime de ventos do nordés, que terán intensidade forte ao final do día no litoral atlántico. Os ceos presentaranse pouco nubrados ou con nubes altas. As temperaturas ascenderán en xeral situándose en mínimas de 13 e máximas de 30 graos na provincia de Pontevedra.
Xa o domingo preséntase unha xornada de inestabilidade atmosférica, con ceos que alternarán nubes e claros. Espérase a presenza de chuvascos localmente treboentos ao longo da tarde. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, situándose ao redor dos 16 graos, mentres que as máximas manteranse nos 31 graos. Os ventos soprarán do nordés, fortes no litoral atlántico e frouxos, con intervalos de moderado no resto.
A influencia anticiclónica manterase no inicio da próxima semana. A presenza de aire frío en capas altas da atmosfera ao oeste poderá dar lugar a certa inestabilidade coa posibilidade de chuvascos treboentos durante os primeiros días. As temperaturas seguirán oscilando entre os 17 e os 30 graos.