Gardas civís de toda España e a GNR portuguesa reforzarán a seguridade da provincia este verán
Por Redacción
Medio centenar de axentes reforzarán durante o verán a seguridade da provincia de Pontevedra. Trátase de efectivos da Garda Civil trasladados desde distintos puntos de España, un escuadrón a cabalo e seis xendarmes da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu este venres na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra a estes axentes, tanto os da Garda Civil española como so portugueses.
En canto aos axentes da GNR portuguesa, mobilizaranse naqueles concellos que teñen presenza constatada de visitantes portugueses durante os meses de verán.
Na súa visita, estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia, Simón Vinzal. Os dous saudaron aos axentes portugueses e aos 40 compoñentes das distintas especialidades da Garda Civil, que inclúen a seguridade cidadá, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona), o Grupo de Cabalaría, a Policía Xudicial e os Grupos de Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos e de natureza NRBQ (Gedex).
Todos estes axentes terán como misión reforzar os operativos de seguridade nos principais núcleos de poboación de la provincia, a vixilancia dos montes en prevención de incendios forestais e a seguridade do Camiño de Santiago.
O escuadrón a cabalo presta especial atención ao Camiño, aínda que non exclusivamente. Está integrado por cinco axentes que prestarán servizo nas rutas xacobeas e no rural pontevedrés, para a vixilancia dos incendios forestais.
A Operación Verán 2022 comeza, con carácter xeral, este venres 1 de xullo e finalizará o 31 de agosto.
O reforzo planificado ten en conta que a redución da incidencia da pandemia provocada pola covid-19 e o Xacobeo permiten prever unha recuperación sostida do sector para alcanzar cotas similares ou mesmo superiores ás do ano 2019.
Maica Larriba destacou que Pontevedra é unha provincia segura, pero "no verán, a súa poboación aumenta considerablemente", polo que é preciso prestar especial atención, durante estes meses, á seguridade cidadá.
Tamén insistiu que aínda que se garantirá a seguridade en todo o territorio, estes reforzos destinaranse aos puntos turísticos máis importantes, en concreto, a aqueles concellos do cinto costeiro.
Ademais de aumentar as actuacións preventivas dirixidas a dar seguridade ao fenómeno turístico, intensificaranse os plans operativos fronte á delincuencia itinerante e aos roubos en vivendas, ante a posibilidade de que se vexan incrementados en época estival polo previsible aumento do período de estancia en segundas residencias ou outros lugares de destino vacacional.
Doutra banda, tamén se extremará a vixilancia fronte ás ciberestafas, que motivan a interposición dun moi elevado volume de denuncias durante os meses estivais como consecuencia do incremento nesas datas do uso da internet para reservar aloxamentos, paquetes de viaxe e outros servizos turísticos.
Relacionadas:
-
A UME instala a súa base en Figueirido para ser "punta de lanza" contra os incendios en Galicia
Por Redacción |
-
Arrestado un veciño de Vilagarcía por romper o parabrisas dun coche patrulla e golpear a un axente de policía
Por Redacción |
-
Comeza a época de alto risco de incendios forestais
Por Redacción |
-
O éxito da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino adianta a súa chegada este ano ao Camiño Portugués
Por Redacción |