Produtos da terra e exaltación do augardente na I Feira Multisectorial de Campo Lameiro
Por Redacción
Chega a Campo Lameiro a I Feira Multisectorial na que participarán máis de medio cento de stands de emprendedores con produtos da terra e artesáns. Os participantes amosarán as súas creacións nunha xornada que se celebrará o vindeiro domingo 10 de xullo na que haberá obradoiros de queixo, pimentón, petróglifos, lume e taladro para que poida participar activamente o público asistente.
Ademais, a exaltación da augardente terá un papel fundamental nun xesto do Concello de Campo Lameiro por recuperar as vellas tradicións que estiveron moi ligadas a este municipio onde xa se organizou unha festa do augardente. É por iso que tamén haberá potas para facer a bebida e se fará unha pequena exhibición de como se destilaba antes por estas terras, haberá servizo de bar e tamén polbo á feira servido por Pulpería A Fuchela.
A feira comezará arredor das 10:00 horas e estará amenizada durante todo o día pola música da Charanga Os Encerellados. O evento comercial e festivo rematará cun concerto do grupo Galifunk.
Con esta iniciativa, o Concello de Campo Lameiro quere dinamizar económicamente a vila, polo que a participación está aberta a empresarios e emprendedores locais para o cal desde o Consistorio se remitiron cartas facilitándolles a posibilidade de participar cun stand.
Polo momento, están confirmados sectores relacionados coa produción de mel, cervexa artesanal, queixo, especias, productos da horta, gofres, vermú, conservas, zumes, queixos veganos con froitos secos, pan, empanadas, marmeladas, rosquillas artesanas, gominolas artesáns, cárnicas (chourizos, porco celta, carne cachena, galiña de Mos), plantas, frutais, xoiería, zocos, canteiría, bisutería, cosmética natural, xoguetes de madeira, impresión de camisetas, libros, inciensos naturais, amigurumis, flores de ganchillo, simboloxía celta, xabóns, colonias artesanais, madeira torneada, cosmética vegana e natural Juchheim, aceites, cremas, antigüidades, reloxos en vinilo, chaveiros, botellas, xoieiros, marcos, etc.
A maiores de todo isto, dentro das actividades da Feira Multisectorial de Campo Lameiro os obradoiros xogarán un papel fundamental. O de queixo ten previsto catro quendas de 25 nenos e nenas (13:00, 16:30,18:30 e 20:30 horas); o obradoiro de taladro será ás 12:00; o dos petróglifos será ás 17:30 e o do lume ás 19:30 horas.