O paseo entre o Parque da Memoria da Seca e Lourido estrea a bandeira Sendeiro Azul
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, asistiu este venres ao tradicional acto de izado da bandeira azul da praia de Cabeceira, na parroquia de San Salvador. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) leva xa máis dunha década recoñecendo a este espazo con este distintivo de calidade.
O alcalde tamén aproveitou a xornada para proceder ao izado do distintivo que, por primeira vez, define ao paseo costeiro que vai desde o Parque da Memoria, na Seca, ata Lourido como Sendeiro Azul. "Para nós é un orgullo dispoñer deste emblema por primeira vez", dixo Sobral.
Esta senda, de 10 quilómetros entre ida e volta, supón un gran atractivo por ser un espazo ideal para a práctica de hábitos saudables, ademais de ofrecer puntos de interese en forma de miradoiros, nos que se pode gozar de vistas privilexiadas da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo, praias ou sendas como a de A Ostreira – A Seca.
A bandeira de Sendeiro Azul emprázase en Campelo, nas proximidades do porto e a carón do monumento habilitado no seu día como homenaxe ás mariscadoras.
Sobral estivo acompañado por parte do equipo de socorristas que desde hoxe xa desempeñan tarefas de vixía para velar pola seguridade dos bañistas, labores que se prolongarán ata que remate a tempada estival. Este servizo está operativo nas praias de Cabeceira de Xiorto, en Raxó.
Neste sentido, o alcalde Sobral incidiu en que, máis alá da obriga de manter servizos e prestacións en Cabeceira, "esa tamén é a nosa aposta no resto de areais, independentemente da bandeira azul, xa que somos conscientes de que estes espazos naturais atraen a moita xente durante o verán".
O alcalde informou que xa se procedeu á reparación e colocación de duchas nas 15 praias definidas como zonas de baño, ademais de proceder á instalación de aseos e de reforzar os traballos de limpeza e posta a punto, que se fan a diario.
Ademais, o rexedor salienta outro feito importante, como é que 14 das 15 zonas de baño acadaron a calificación de excelente na calidade de auga.
Xiorto, Sinás, Fontemaior, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido e Cabeceira levan anos repetindo este resultado, e nesta ocasión sumouse a praia de Raxó. "Só quedaría O Laño (Samieira), que, se todo vai ben, podería incluírse o vindeiro ano, facendo así un pleno con todos os areais", apuntou o alcalde Sobral.
Relacionadas:
-
As mariscadoras convidan aos turistas a "gozar da praia sen deixar pegada"
Por Redacción |
-
Benvida ao verán en Sanxenxo co izado das 17 bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Boias para reforzar a seguridade da praia do Lérez, na que "as correntes poden ser perigosas"
Por Redacción |
-
Galicia, o país dos 43 quilómetros de praias con bandeira azul
Por Alejandro Espiño |
-
A praia de Baltar contará desde esta fin de semana con catro pistas deportivas e un renovado aquapark
Por Redacción |