Un proxecto de rexeneración urbana dará unha nova vida á zona da Canceliña e As Meáns
Por Redacción
O Concello de Bueu encargou a unha empresa especializada un proxecto para a rexeneración urbana e a humanización das zonas de Canceliña e As Meáns.
Este proxecto vaise presentar á convocatoria das axudas da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra e busca fomentar e potenciar a mobilidade alternativa peonil e ciclista, tentando acadar unha maior seguridade cidadá.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, destacan que con esta actuación pretenden ampliar as beirarrúas para o tránsito de peóns e mellorar a comunicación peonil con seguridade entre a avenida de Marín e a avenida Loureiro.
A memoria inicial do proxecto avanza que se vai ordenar o tráfico rodado e dar prioridade ao tránsito peonil. A idea é, segundo Juncal e Villanueva, "que existan cada vez máis espazos para as persoas e para compartir con tranquilidade".
Para logralo, vaise promover un cambio no pavimento e a reforma da sinalización horizontal e vertical. Así mesmo, proponse ampliar a praza triangular do comezo da actuación na avenida de Marín, xerar zonas de estancia nos nodos e deseñar plataforma única nos espazos onde a rúa se estreita, cunha restrición na velocidade dos vehículos a 10 quilómetros por hora
O proxecto ten unha idea similar ao executado na rúa A Pedra e, polo tanto, buscará a integración e a sostibilidade co espazo e suporá unha revitalización deste ecosistema urbano moi importante.
O proxecto tamén se integra nas liñas de actuación que o goberno local leva a cabo para cumprir co Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) e co Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía (PACE), dúas guías aprobadas recentemente no Concello de Bueu e que permiten dende o local actuar no global.