A praia de Lourido abre este domingo o ciclo de feiras 'Un mercado en cada porto'
Por Redacción
A praia de Lourido, en Poio, acollerá este domingo un mercado de artesanía dentro do ciclo de feiras organizado pola Xunta de Galicia baixo o lema 'Un mercado en cada porto'.
A cita de Lourido será a primeira das organizadas por toda Galicia durante os meses de xullo e agosto.
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– participa na segunda edición deste evento, dedicado a lle dar protagonismo ás mulleres artesás de Galicia.
En Lourido o mercado estará aberto en horario de 11:00 a 20:00 horas e participarán diferentes obradoiros da marca Artesanía de Galicia.
Trátase dun mercado itinerante, liderado por mulleres creativas, que leva vinculada unha mostra fotográfica de retratos de redeiras, colareiras, palilleiras, cesteiras, oleiras e outros colectivos, mulleres que tomaron o relevo das súas avoas para seguir dándolle vida aos traballos máis ancestrais da cultura galega.