Fiscalía pide 16 anos de prisión para un veciño de Marín acusado de agredir a súa ex parella e queimarlle o coche
Por Redacción
Un veciño de Marín con antecentes penais sentarase no banco da Audiencia provincial este martes acusado de ser autor dun delito continuado de ameazas á muller, dun delito de maltrato físico leve e dun incendio con risco para a vida e a integridade das persoas.
O presunto autor, segundo o escrito da Fiscalía, está afectado de hemiparesia e de disfasia debido a un accidente que sufriu hai anos e ten dificultades para expresarse pero conserva todas as súas facultades intelectivo-volitivas. O home, segundo a acusación, enviou mensaxes o 8 de maio de 2012 e realizou chamadas á súa ex parella ameazándoa utilizando as palabras: "cuchillo muerte, matar, pistola, cárcel da igual". Posteriormente encontrouse coa muller na rúa Jaime Janer e agarrouna polo colo á vez que lle dicía que ía matala e queimar o seu coche. Estas ameazas cumpríronse en parte cando o 24 de maio de 2012, o procesado achegouse ata o garaxe no que a muller gardaba o seu coche e prendeu lume a un recipiente de plástico no que vertera un líquido inflamable. O lume calcinou o vehículo e causou diversos danos nas instalacións valorados en máis de 4.500 euros.
Por estes feitos, o Fiscal solicita de 16 anos e 10 meses de prisión para o acusado como presunto autor dos delitos de ameazas, maltrato físico e de incendio.