O suceso que acabou coa fiestra de Carlota Román esnaquizada por erro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os bombeiros de Pontevedra mobilizáronse este sábado para auxiliar a unha veciña da rúa Cruz Vermella que sufrira unha caída no seu domicilio e era incapaz de levantarse. Aínda que a historia tivo final feliz e lograron atender á vítima, polo camiño produciuse algún que outro dano colateral.
No último piso do inmoble vive a ex concelleira socialista Carlota Román, que no momento da intervención atopábase fóra de casa. Por un erro á hora de explicar os feitos, os bombeiros recibiron a orde equivocada de ascender co guindastre ata o seu piso e accederon ao interior da vivenda rompendo unha das xanelas, despois de percorrer o piso déronse conta de que se equivocaron, saíron e accederon á vivenda correcta.
Precisan desde o parque de bombeiros, que eles non deciden por onde entrar, senón que é a Policía despois de recibir a información dos afectados os que dan a orde. Ademais, remarcan que foron os veciños os que sinalaron a fiestra pola que acceder, aínda que logo resultou unha equivocación. "Se non fose así estariamos cometendo un delito de allanamento de morada", advirten os profesionais.
Xa no interior da vivenda de Román os bombeiros percorreron os dous pisos en busca da vítima, ao darse conta de que non era a vivenda, trataron de saír pola porta pero non foron capaces de abrila e volveron saír pola xanela. Esta situación tampouco gustou á dona quen critica que "deixaron todas as chaves tiradas encima da mesa".
Unha vez finalizada a intervención, a afectada púxose en contacto telefónico cun dos bombeiros e foron as súas palabras as que aumentaron aínda máis a crispación.
"Pedinlles que arranxasen a xanela e non me pediron nin desculpas, que falase co seguro", critica Román. Versión que rexeitan desde o parque asegurando que lle pediron disculpas en reiteradas ocasións e deixaron claro que a persoa que atendeu ao teléfono non é un mando, senón un bombeiro que tivo que asumir os labores de coordinación sen que sexa o seu cargo, polo que non lle corresponde realizar esa tarefa.
"Eu entendo que se poden equivocar, non digo que o fixeran a mala fe, pero contaron mal e houbo descoordinación", protesta a afectada, que está á espera de recibir a visita do perito para valorar os danos.
Ademais, a propietaria nese momento atopábase fóra da cidade e non foi ata este luns cando puido volver a casa e reparar os danos.
No Concello están ao tanto xa do ocorrido e confirman que o seguro correrá cos gastos da reparación. Así mesmo, entenden o malestar do afectada pero, en defensa dos bombeiros, puntualizan que en situacións de emerxencia ás veces pasan estas cousas. Tamén existe un parte da Policía Local que recolle todo o ocorrido.