Persoal de Celtic Estores Bandalux acusa á dirección de establecer condicións laborais "inhumanas e insalubres"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"Somos persoas, temos familia, non somos nin números nin máquinas". Con esta frase exprésase José Eiras, delegado de UXT no comité de empresa de Celtic Estores, entidade pertencente á multinacional Bandalux, que conta cunha nave en Moraña e un total de 250 traballadores que se dedican á elaboración de toldos, persianas, estores, mosquiteiras ou cortinas. Denuncian que a maioría do persoal nas últimas semanas sofre unhas condicións laborais "inhumanas, insalubres e penosas".
Segundo relatan tanto José Eiras como Pilar Mosquera, delegada de CCOO no comité, meses atrás alertaron á entidade de que non se poderían realizar todos os pedidos de cortinas no verán ante o incremento da demanda. Como solución, a nova dirección da empresa en lugar de propoñer bolsas de horas voluntarias e horas extra os sábados decidiu evitar a negociación laboral, unha vez que os representantes dos traballadores negáronse a aceptar o pago das horas extra por baixo do establecido no convenio do sector téxtil.
Denuncian que Miguel Comesaña, director xeral de Bandalux, chegou a ameazarlles cun ERE extintivo que afectaría a 26 traballadores e convidou o persoal a abandonar a empresa se non aceptaban as condicións. A continuación, implantou as bolsas de horas obrigatorias co horario laboral de dez horas continuadas a partir do 21 de xuño e, polo menos, por un período de mes e medio.
Pilar Mosquera explica que a maioría do persoal da nave ten idades superiores a 50 anos, traballan de pé nunhas instalacións pouco ventiladas e sen climatización que, durante estas datas, alcanzan os corenta graos de temperatura. Todo o traballo é manual e os representantes sindicais aseguran que o ritmo de traballo é moi forte durante as dez horas ocasionando contracturas, molestias en cervicais e nas costas.
Denuncian que este mes traballan, a diario, dez horas continuadas, de pé, a 40 graos de temperatura na nave de Moraña
"Queremos denunciar un horario e condicións laborais abusivas e penosas que producen un cansazo nos traballadores", alertan ante o temor de que se rexistren accidentes laborais na nave de Moraña. Aseguran que xa hai compañeiras de baixa con cadros de ansiedade provocados pola presión á que son sometidas cun control contiuo de rendibilidade en diferentes seccións desta factoría.
Indican, ademais, que esta amplitude de horario provoca problemas de conciliación de traballadores que contan con menores ao seu cargo ou con persoas maiores ás que teñen que atender. Consideran que a política da empresa é "explotar aos traballadores" ao menor custo posible, xa que 180 dos empregados pertencen á categoría inferior do convenio téxtil con nóminas de 1.100 euros con pagas extra incluídas.
Representantes de UXT e de CCOO, como Ramón Vidal e Pedro Comesaña, tamén consideran "ditatorial" a postura da dirección desta multinacional. Por este motivo, anuncian que trasladarán a situación actual ante a Inspección de Traballo e iniciarán mobilizacións nas próximas semanas no caso de que non se estableza o diálogo por parte da empresa.