Pontevedra ten 306 vítimas de violencia de xénero con protección policial activa
Por Natalia Puga
Pontevedra chegou a este 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con moitísimo traballo aínda por facer para loitar contra esta modalidade delituosa e lacra social, pero con cifras que reflicten que si hai mulleres que reciben protección fronte aos ambientes e situacións de violencia. A 31 de outubro de 2013 había activos 953 casos dentro do sistema de seguimento integral ás vítimas na provincia. Deles, 306 teñen protección policial activa.
Segundo as cifras facilitadas pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra, entre xaneiro e xuño deste ano tramitáronse 249 ordes de protección novas a mulleres tras denunciar ser vítimas de violencia de xénero. Tras revisarse, aprobouse adoptar 139 e resultaron denegadas 110.
Ademais, a 31 de outubro había na provincia 130 usuarias do programa Atempro, o servizo telefónico de atención e protección para vítimas de violencia de xénero. Desde 2005 déronse de alta neste servizo 483 pontevedresas e causaron baixa 363.
Nese mesmo periódo había activos en Pontevedra sete dispositivos electrónicos de seguimiento GPS para maltratadores e entre xaneiro e setembro concedeuse a unha muller de orixe estranxeira autorización de residencia temporal e traballo en calidade de víctíma de violencia de xénero.
No ámbito da inserción laboral e social das vítimas, nos nove primeiros meses do ano asináronse 50 contratos bonificados a mulleres vítimas e 343 residentes na provincia eran perceptoras da Renda Activa de Inserción, o coñecido como Salario da Liberdade.
Estas cifras de protección ás vítimas son resultado dunhas estatísticas de denuncias segundo as cales nos seis primeiros meses de 2013 formuláronse 1.185 denuncias formais. En todo o ano 2012 presentáronse 2.210 e o ano anterior 2.179, de modo que a evolución do presente ano presenta un volume ligeramente superior ao dos dous previos.
As mesmas cifras de referencia, ás que fai seguimento María Paz Pérez Asorey como xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación, revelan que a data 31 de outubro de 2013 había 103 internos en prisión (tanto preventiva como con condena firme) por delitos contra a violencia de xénero cometidos na provincia.
O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade ha habilitado o teléfono 016 para información e asesoramiento legal ás mulleres vítimas de violencia de xénero e a súa contorna. Non deixa rastro na factura e entre 2007 e o 31 de outubro de 2013 realizáronse desde Pontevedra 5.979.