Tres anos de traballo para previr condutas aditivas en Cuntis, Moraña, Portas, Barro e Campo Lameiro con 30 accións executadas
Por Redacción
O proxecto de prevención das condutas aditivas, no que o Concello de Cuntis participa xunto ao de Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, conclúe tras tres anos de traballo cun amplo balance de actividades no ámbito escolar, familiar e social pero aínda con moito traballo por diante.
Unha treintena de actividades concretas nos colexios e institutos dos municipios adscritos, e tamén coas súas familias, complétanse con outras iniciativas abertas á sociedade para dar forma a unha memoria que alerta da existencia dunha realidade que precisa de accións permanentes de prevención.
O último ano de actividade deste programa centrouse sobre todo en accións preventivas e de protección frente aos factores de risco asociados ás condutas aditivas, sobre todo no ámbito da xuventude polo que o persoal especializado encargado de desenvolver este programa centrou a súa atención na poboación máis nova, pero tamén no seu entorno, sobre todo nas súas familias.
A xuventude dos concellos rurais adscritos a este programa non é allea aos hábitos tóxicos detectados polo Observatorio Galego sobre Drogas, que sitúa nos 14 anos a idade media de inicio no consumo de alcol, cánnabis e tabaco.
Este foi un dos aspectos nos que se centrou o programa no último ano, con actividades específicas para alumnado de cuarto da ESO dos catro institutos da contorna, con máis dun centenar de participantes. “Non pasa nada, pasa algo?” é o nome da iniciativa que levou ás aulas o debate sobre os riscos dos consumos e as adicións e que plantexou tamén como abordar situacións de estrés ou ansiedade sen recurrir a sustancia algunha.
Este mesmo concepto traballouse desde o programa coa iniciativa “A familia máis que un teito” e coa comunidade educativa en conxunto coa conmemoración de xornadas específicas como o Día Mundial da Saúde Mental, entre outras.
As adicións sen sustancias, como as novas tecnoloxías e os xogos, centraron tamén boa parte do programa con accións concretas orientadas tamén ao alumnado de Primaria e ESO.
Dentro do ámbito xuvenil, e en colaboración cos departamentos de Xuventude e Cultura dos concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro Moraña e Portas, o proxecto incluíu alternativas de ocio saudable, destinadas á xuventude de entre 12 e 19 anos. Leváronse a cabo varias actividades como cine na rúa, Paintball ou a colaboración na Festa da Xuventude de Campo Lameiro.
"Con estas actividades preténdeuse promover un ocio alternativo e saudable entre a xuventude dos cinco concellos, intentando romper ou reducir o binomio alcol-diversión", apuntan desde o Concello de Cuntis.
“É fundamental continuar a investir en prevención para garantirlle á nosa xuventude as ferramentas necesarias para identificar os riscos das adicións ás TIC, aos xogos de azar ou aos consumos prematuros de alcol ou outras sustancias. Programas como este proxecto de prevención son elementais para formar a unha xuventude sana e preparada e confiamos en renovar o convenio coa Consellería de Sanidade para continuar con esta labor preventiva”, explica Manuel Campos, alcalde de Cuntis.
Relacionadas:
-
O Plan de Prevención de Condutas Aditivas recibe unha subvención da Consellería de Sanidade
Por Redacción |
-
O alcalde de Campo Lameiro pide o apoio da Xunta en novos proxectos investidores
Por Redacción |
-
Educación e actividade física, alternativas para evitar o consumo de alcohol entre a mocidade
Por Redacción |