As mellores tapas de Sanxenxo están este ano en Portonovo
Por Redacción
Dous restaurantes de Portonovo, A Codia e Arrozaría Boca do Río, foron os gañadores do duodécimo certame Sanxenxo Degusta Tapas, que se desenvolveu o pasado mes de xuño nun total de 21 establecementos hostaleiros do municipio.
A Codia conquistou ao público na modalidade creativa coa tapa Huevo en el Nido e, na categoría tradicional, o premio foi para as Croquetas de Polbo da Arrozaría Boca do Río.
Os segundos premios foron para Restaurante O Pescador con Brioche de pulpo marinado e Asador Aserradero con Pañuelo crujiente de bacalao e os terceiros, en ambas as modalidades, para o Restaurante Xerfa con Mergúllate na Ría e Xantar na Tixola.
O Sanxenxo Degusta Tapas, que ofreceu ao público ata 31 propostas gastronómicas diferentes, logrou servir preto de 5.000 racións das tapas que participaban no certame.
O xurado popular, formado por aqueles clientes con dereito a voto tras consumir un total de cinco tapas noutros tantos locais diferentes, puido elixir as súas propostas favoritas.
Os clientes que máis consumiron tamén obtiveron premios, entre eles ceas nos locais participantes, entradas para o Paris Dakart, visitas guiadas á Adega Eidos, viaxes a Ons ou unha estancia dunha noite para dúas persoas nun hotel de Sanxenxo.
Ademais dos premiados, os establecementos que participaron con tapas creativas e tradicionais foron Cervecería Azor, El Puerto Cervecería, Gabbá, Gastro Bar La Cueva, Galerna Hostal, La Jugosa Burguer Bar, La Portonovesa, Lilaina, Mar do Pintor, Mesón Fontán, O Forno, Pepa A Loba, Restaurante Fidel, Taberna A Batea, Tapería Tenazas e Terraza del Mar.