O CEIP da Lama implantará o Plan Madruga para o vindeiro curso
Por Redacción
O colexio de educación Infantil e Primaria (CEIP) da Lama implantará o Plan Madruga para o vindeiro curso.
Esta iniciativa permitirá que se concilie mellor a vida laboral coa familiar ao ofrecer un horario de 7:30 a 10 horas da mañá para recepcionar aos cativos mentras non comeza a actividade lectiva do centro escolar.
A inteción do Concello é subvencionar o 50% do custe deste servizo de gardería matinal. Con esta medida preténdese favorecer tamén a matriculación de nenos neste centro educativo.
De feito, agárdase que o novo curso escolar o CEIP da Lama supere os 90 alumnos que se poderían beneficiar deste novo servizo.
O Plan Madruga estará coordinado pola nova directiva da Asociación de Nais e Pais (ANPA), encabezada por Paloma Longueiras, que colle o relevo da anterior xunta encabezada por Macarena Solla, durante a cal se levaron a cabo importantes actividades e a transformación total do local de reunións da propia ANPA, lugar encargado de recepcionar aos cativos o vindeiro curso co Plan Madruga.
As familias do alumnado deste centro educativo recibirán en breve unha información completa e detallada sobre o funcionamento do Plan Madruga así como a tarifa mensual definitiva polo uso deste servizo de gardería que, segundo manifestaron tanto os responsables do Concello, a ANPA e o propio colexio, esperan que sexa o menor posible para que poida ser asumido polo maior número de familias.