O sindicato policial CEP pide unha avaliación psicosocial de todos os radiopatrullas da Comisaría de Vilagarcía
Por Redacción
O sindicato de Policía Nacional Confederación Española de Policía (CEP) dá un paso máis nas denuncias que leva realizando durante as últimas semanas en relación co funcionamento da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía. Agora, solicitan que se realice unha avaliación psicosocial dos axentes da policía nacional que compoñen o Grupo Local de Seguridade Cidadá, máis coñecidos como radiopatrullas.
CEP solicitou formalmente e de maneira urxente estas avaliación ante a próxima reunión do Comité de Seguridade e Saúde da Xefatura Superior de Galicia.
Entre as súas demandas tamén figura reunirse coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, para tratar os problemas das comisarías da provincia e a solicitude de cesamento do xefe da Comisaría de Vilagarcía, Luís Hombreiro, que xa realizaron hai semanas.
De feito, cabe lembrar que os tres sindicatos CEP, ASP e JUPOL xa solicitaron de forma conxunta este cesamento inmediato.
Desde o sindicato insisten en que piden estas medidas nun "exercicio de responsabilidade" para velar pola saúde duns axentes que levan anos velando pola seguridade dos seus conveciños e que desde a chegada do seu actual xefe policial "víronse prexudicado en excesivamente pola mala xestión deste".
Así, falan dunha situación "insostible e de caos" en materia laboral nesas dependencias policiais, e dunha "alarmante" subida da delincuencia nunha cidade onde os roubos diminuíran un 20% e o primeiro trimestre de 2022 a criminalidade aumentou un 42,5% respecto ao mesmo período do ano pasado, dez puntos por encima do resto de Galicia.
O número de infraccións penais rexistradas en Vilagarcía de Arousa no período comprendido entre xaneiro e marzo de 2022 supuxo unha deterioración considerable da seguridade cidadá. Por tipoloxías delituosas, os incrementos máis preocupantes pola alarma social que xeran e o seu impacto na sensación subxectiva de seguridade que perciben os cidadáns prodúcense nos delitos contra a liberdade e indemnidad sexual (aumento do 100%), nos furtos (70,9%) e nos roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións (+45,5%).
En termos absolutos, no primeiro trimestre de 2022 rexistráronse 516 infraccións penais fronte ás 362 do mesmo período de 2021.
Deste incremento responsabilizan ao xefe policial, ao que atribúen "mala xestión" e unha redistribución do persoal "sen lóxica algunha" que consideran prexudicou á mesma e aos cidadáns.
Relacionadas:
-
A subdelegada do Goberno apoia o traballo policial en Vilagarcía fronte ás críticas sindicais
Por Redacción |
-
Os sindicatos policiais JUPOL, CEP e ASP únense para solicitar o cesamento de Luis Hombreiro como Xefe da Policía Nacional de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Un sindicato policial solicita o "cesamento inmediato" do xefe da Comisaría de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |