A asociación de canteiros de Poio pide que todo o alumnado que pasou pola Escola de Cantería obteña a titulación oficial de FP
Por Redacción
A Asociación Canteiros de Poio, formada por exalumnos e alumnos da Escola de Canteiría de Pontevedra, valora positivamente o acordo institucional entre a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia polo que este centro formativo se vai transferir á administración autonómica.
A través dun comunicado, este colectivo aplaude a cesión da Deputación á Xunta e aproveita para demandar que no proceso de creación de Formación Profesional da Canteiría é preciso o recoñecemento da titulación a todo o alumnado que pasou pola Escola.
Sinalan que, despois de moitos anos de reivindicacións, agardan que este proceso de cesión entre administracións chegue a bo fin.
"Este momento ten unha importancia vital e debe facerse ben", sinalan desde o colectivo. Así, piden que a creación de novos ciclos formativos se faga "escoitando a todas as partes" e consideran que a súa asociación "debe ter voz neste proceso".
Tamén confían en que se teña en conta a "singularidade tan particular" desta formación, única da escola, e que "a formación non vaia só orientada cara á grande industria da construción, coma no FP dual do Porriño".
Así, piden que tamén se encare cara ao deseño, a artesanía e restauración, "resolvendo a grande demanda das pequenas empresas, e facilitando tamén a creación do autoemprego".