O Pazo de Gandarón, o mosteiro de Lérez e o barrio da Moureira, novidades da Semana do Patrimonio Invisible
Por Alejandro Espiño
Tres novos espazos non visitados con anterioridade neste ciclo formarán parte da terceira edición da Semana do Patrimonio Invisible, que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de xullo para seguir descubrindo espazos agochados ou ocultos no día a día da cidade.
Son o Pazo de Gandarón, a actual sede da Misión Biolóxica de Galicia; a igrexa e o mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio mariñeiro da Moureira.
A eles sumaranse outros dous enclaves xa visitados en anos anteriores, o Arquivo Histórico Provincial e o depósito de auga e o cemiterio de San Amaro.
"As persoas que participen nesta nova edición poderán descubrir recunchos un tanto descoñecidos", explicou Xaquín Moreda, edil de Patrimonio Histórico, que destacou especialmente a visita ao barrio da Moureira, por ser un formato "que aínda non fixeramos".
Esta visita, que se realizará en colaboración co Gremio de Mareantes, proporá percorrer este barrio mariñeiro "cunha importancia histórica tan relevante como a cidade dentro da antiga muralla". Incluirá varios espazos da zona, incluíndo a Ribeira dos Peiraos.
Os grupos das visitas estarán conformados por un máximo de quince persoas "para manter e garantir o discurso narrativo e a protección dos elementos patrimoniais", explicou Moreda.
En total, o Concello promoverá ata 21 visitas, xa que no barrio da Moureira e no cemiterio de San Amaro faranse visitas dobres. Está previsto que pasen polo ciclo máis de 300 persoas.
Para garantir o maior número de participantes posíbeis, cada persoa só poderá acudir a un máximo de 3 visitas, podendo reservar dúas prazas en cada unha.
Cada día serán realizadas cinco circuítos, ás 11.00, 12.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas.
A reserva de prazas será habilitada o vindeiro luns 11 de xullo, a partir das 17:00 horas na web oficial do programa www.patrimonioinvisible.gal.