Tres días de diversión e reforzo de coñecementos musicais para estudantes da Escola de Música de Salcedo
Por Redacción
Ao longo dos tres primeiros días de xullo, integrantes da Escola de Música de Salcedo, pertencente á Asociación Músico-Cultural San Martiño, pechou o curso escolar cun campamento lúdico e, ao mesmo tempo, didáctico en Mondariz. Nesta iniciativa participaron ao redor de trinta estudantes que forman parte da banda xuvenil.
A proposta buscaba fomentar as relacións sociais e interpersoais e axudar a asentar os coñecementos musicais adquiridos durante o curso. Desta forma realizáronse ensaios por seccións e instrumentos, clases específicas sobre diversas disciplinas asociadas á música de banda e os asistentes do campamento gozaron tamén de actividades de lecer como cordas deslizantes e circuítos nas árbores, festa da escuma, sesión de piscina e xogos de entretemento, entre outros.
Ademais, aproveitouse a ocasión para reunir as distintas seccións da banda xuvenil e traballar as técnicas asociadas á interpretación musical traballando a respiración, a colocación de dedos nos instrumentos e a disposición postural á hora de interpretar pezas para evitar posturas incorrectas que poden finalizar en contracturas musculares.
Desde a directiva da Asociación Músico-Cultural San Martiño mostran a súa satisfacción por retomar esta actividade que se suspendeu coa irrupción da pandemia e que agora permite estimular valores positivos como o compañeirismo e a convivencia, ademais de fomentar a participación e a desinhibición destes músicos de pouca idade.