Poio terá que investir 77.000 euros para cumprir cos obxectivos da nova lei de residuos
Por Redacción
O concelleiro de Servizos Municipais e Obras, Julio Casás, confirmou que o Concello de Poio vén de recibir unha achega de máis de 77.000 euros, que se investirá en actuacións encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos e que inclúe, entre outros proxectos, a ampliación de composteiros comunitarios en diferentes emprazamentos do municipio, así como a adquisición de biotrituradoras.
Esta axuda provén de fondos europeos, obtidos a través da Xunta de Galicia. Os 77.731 euros acadados servirán para custear o 90% do investimento.
Así, na folla de ruta da Concellería de Servizos Municipais consta a adquisición dun total de dez biotrituradoras. O Concello aposta por ofertar un servizo de préstamo para triturar podas, toda vez que a normativa non contempla a realización de queimas.
"Mediante a utilización deste tipo de maquinaria, non só evitamos esta práctica, senón que tamén ofreceremos á veciñanza a posibilidade de facer estruturante para composteiros", apunta Casás Barral, que lembra que este tipo de restos non se trata nos composteiros comunitarios, se non que é preciso solicitar a recollida a domicilio ou trasladar os restos ao Punto Limpo Móbil.
A maiores, o concelleiro do goberno local tamén adianta que se mercarán medio milleiro de sacas que se utilizarán para transportar material vexetal, así como 1.000 cubos para a separación dos restos de comida, que se repartirán nos fogares do municipio.
Estes fondos permitirán, asemade, a contratación dunha empresa especializada para a realización de tarefas de seguimento e visitas nas casas que contan con composteiros individuais que foron recentemente instalados. Sobre esta cuestión, Julio Casás lembra que a mestra composteira xa realiza este tipo de visitas de forma periódica, pero "con este reforzo serían moito máis habituais e áxiles".
Por último, a Concellería de Servizos Municipais prevé destinar parte desta axuda económica á instalación de cinco novos composteiros comunitarios en diferentes emprazamentos do termo municipal.
Casás entende que a ampliación deste servizo "é moi necesaria, dada a demanda e a espectacular resposta que están a ter os recipientes operativos no núcleo de San Salvador, especialmente na Rúa Valiña ou en Ferreirós, onde foi preciso realizar unha ampliación".
Este feito demostra a "enorme concienciación" que ten a veciñanza de Poio "en todo o vencellado ao respecto co medio ambiente". Agora, coa nova Lei de Residuos, "todos e todas imos ter que implicarnos un pouco máis para dar cumprimento a esta normativa e iso para por realizar un tratamento axeitado do lixo".
Por outra banda, estase a ultimar estes días o reparto dos primeiros 200 composteiros individuais adquiridos polo Concello de Poio e que nas últimas semanas se están a repartir, previo proceso de inscrición e solicitude, no Centro de Formación da Reiboa. Alí, a mestra composteira tamén se encarga de realizar unha pequena charla informativa, na que dá conta dos beneficios do compost e das pautas de funcionamento e uso destes recipientes.
Relacionadas:
-
Entregan mil cubos á veciñanza de Poio para a separación orgánica nos fogares
Por Redacción |
-
O Concello estuda fórmulas para mellorar e aumentar a eficacia do tratamento e xestión de residuos
Por Redacción |
-
Todos os centros educativos de Poio xa teñen composteiro
Por Redacción |
-
Unha media de 70 persoas ao mes achega lixo ao Punto Limpo Móbil
Por Redacción |
-
Comeza a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza de Poio
Por Redacción |
-
A empresa Berca Group subministrará os 800 composteiros que Poio repartirá entre a veciñanza
Por Redacción |
-
A reciclaxe de envases e vidro aumentou en Poio o pasado ano
Por Redacción |