O Encontro de Entroidos enche Vilaboa de ritmo e cor
Por Redacción
As rúas de Riomaior, en Vilaboa, enchéronse este sábado de cores, danzas e vestimentas típicas do carnaval con motivo do IV Encontro de Entroidos.
A cita, que conta con certa tradición na vila, comezou con ritmos e ambientes festivos co Fulión e Boteiros de Viana do Bolo, os do Rancho de Entroido da Feira (Salceda de Caselas), as Bonitas de Sande (Cartelle), as Pitas de Eiroas (Ourense), Os Caretos de Lazarim (Portugal) ou as Madamas e Galáns de Cobres e os Veteranos do Entroido de Cobres.
Despois de facer un pequeno pasarrúas por Riomaior, exhibindo os traxes tradicionais e as súas danzas, o alcalde de Vilaboa, César Poza, xunto a directivos da Asociación Cultural Cobres, recibiron a cada un dos grupos e explicaron a orixe do Rancho de Entroido da Feira, en Salceda.
Comentaron que está na loita entre os barrios da Feira e do Barreiro, barrios que están separados por tan só por un regato a carón do cal se escenifica, no entroido, unha loita carnavaleira de 1888. Dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competición por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador, obsequiarao cunha ribeirá que bailará en exclusiva con él.
No caso de Bonitas de Sande (Cartelle) a orixe está na Guerra de Filipinas. "O nome ven dado porque a xente antes vestía de calquera maneira, con roupa vella. Ver aparecer estas figuras, ben traxeadas, en contraposición ao que estaban acostumados eran "Bonitas".
O Fulión e Boteiros de Viana do Bolo ten a súa orixe no século XX. Dúas figuras importantes, o boteiro, emblemático, baila e efectúa saltos apoiándose na monca. A súa máscara é unha xoia de artesanía, xa que non existen dúas iguales, a súa principal función é infundir medo. Son os encargados de abrirlle paso ao fulión.
Famoso pola súa máscara, con forma de galiña pintada de branco e negro pola parte dianteira e pola parte traseira cada persoa realiza un debuxo relacionado coa natureza ou co matrimonio. Na parte superior atópase o pescozo da pita, con plumas de vivas cores.
Caretos de Lazarim, en Portugal, son coñecidos polos Caretos en forma de demo que percorren a pequena aldea de Lamego (norte de Portugal) dando vida a rituais e travesuras que veñen repetíndose dende fai tempos moi antigos. As máscaras que poden chegar a pesar ata máis de 4 kilos.
Finalmente, as Madamas e Galáns de Vilaboa, que diversos escritos sitúan incluso antes do século XVIII, están declarados Festa de Interese Turístico desde 1999. Son as personaxes principais, danzando xotas e muiñeiras e percorrendo as rúas do concello de Vilaboa, durante os 4 días de entroido.
A súa vestimenta chea de cor, fai que sexa un dos entroidos máis vistosos e atractivos de Galicia e un dos poucos que non emprega máscaras, xa que o obxectivo é presumir. Por iso utilizan tantas xoias e abalorios para decorar os traxes.
A posta en valor da riqueza patrimonial deste encontro contou no seu programa cun concerto do grupo Dakidarría e actuación do DJ Gabry, encargado de pechar a festa.
Antes do inicio do encontro tivo lugar a inaguración oficial dos murais feitos pola artista local Alba Troiteiro, que converteu as columnas da autopista á altura de Riomaior nunha Madama e nun Galán. Ambas creacións artísticas teñen 20 metros de alto por 5,5 de ancho e Alba Troiteiro foille dando forma pouco a pouco ata convertilas nunha peza de arte urbano.