Valcárcel alíase con Jesús Gómez para pugnar con Agustín Fernández polo control do PSdeG-PSOE
Por Alejandro Espiño
Non haberá candidatura única na asemblea local do PSdeG-PSOE de Pontevedra. Segundo puido saber PontevedraViva, á lista liderada polo concelleiro de Educación e Deportes, Agustín Fernández, saíulle un rival. Tal e como suxería hai uns días a este medio dixital, José Manuel Valcárcel impulsará, xunto con destacados membros do partido na cidade, unha candidatura alternativa.
Non está decidido aínda quen será a persoa que encabezará esta segunda lista que pugnará por controlar a estrutura local dos socialistas pontevedreses. Probablemente non sexa o propio Valcárcel. O que si transcendeu é que un dos principais nomes que acompañará ao exconcelleiro pontevedrés é o dun home que, ata agora, alineárase co chamado sector oficial.
Trátase de Jesús Gómez Arias, o número 2 da executiva local do PSdeG-PSOE que lideraba ata hai unhas semanas Guillermo Meijón. Desempeña actualmente o cargo de secretario de organización dos socialistas locais e foi, no seu momento, unha das caras novas que o deputado no Congreso incluíu na súa candidatura á secretaria xeral do partido na cidade de Pontevedra.
Fontes próximas a esta candidatura alternativa á que lidera Agustín Fernández, o primeiro en postularse para o cargo, aseguran que este equipo traballa para ofrecer un "recambio xeracional" dentro do PSdeG-PSOE de Pontevedra, co obxectivo de "dar un xiro á agrupación" e comezar a traballar con garantías para recuperar o terreo perdido nas anteriores eleccións municipais.
Esta candidatura será presentada en rolda de prensa nuns días. Será cando consigan pechar a lista coa que concorrerán á asemblea local, que se celebrará este sábado 30 de novembro na sede local do partido.
Relacionadas:
-
Gómez Arias aposta por dar "un giro a la izquierda" cun PSdeG-PSOE renovado e municipalista
Por Alejandro Espiño |
-
Valcárcel non descarta disputar a Agustín Fernández o liderado do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A asemblea para elexir o novo secretario local do PSdeG-PSOE será "non máis alá de quince días"
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández presenta a súa candidatura para substituír a Meijón á fronte do PSOE local
Por Natalia Puga |