Unha "tetada láctea" nas Palmeiras concienciará sobre a importancia da lactancia materna en lugares públicos
Por Redacción
Os xardíns do parque das Palmeiras (a carón do Monumento aos Navegantes) serán o día 3 de agosto epicentro da promoción da lactancia materna en Pontevedra. Para ese día, coincidindo coa celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna entre os días 1 e 7 de agosto, haberá unha "tetada láctea" a partir das 18.00 horas.
A actividade está dirixida a todas as persoas que desexen unirse e busca reivindicar unha equidade e corresponsabilidade nos coidados e a crianza, así como a necesidade de facilitar esta conciliación máis aló dos nove meses de adaptación ao posto de traballo que a lexislación contempla.
Organizada pola asociación A Vila Láctea e a concellería de Benestar Social, ten como obxectivo último concienciar e estimular a lactancia materna como forma óptima de alimentar aos bebés e ofrecerlles os nutrientes que precisan co equilibrio axeitado e concienciar sobre a súa importancia en lugares públicos.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembra que a Sala Valdecorvos da Casa Azul desenvolveu durante os meses de maio, xuño e xullo diversos encontros do Grupo de Lactancia organizado polo colectivo A Vila Láctea, unhas reunións dirixidas a mulleres lactantes e embarazadas e a persoas que dan apoio a lactantes ou xestantes.
Estes encontros coordináronos a farmacéutica Mar Gastañaduy, experta universitaria en lactancia materna e nai dunha nena aleitada, e a videógrafa Berta Romero, tamén experta universitaria en lactancia materna e nai de dous fillos aleitados",.
Segundo sinalou Marcos Rey, estes grupos de lactancia están tendo unha moi boa acollida, despertando un enorme interese, polo que a celebración da I Tetada Láctea sería a culminación do seu traballo.
Esta I Tetada Láctea forma parte do programa 'Proponte', que conta co apoio da Deputación Provincial e a Concellería de Desenvolvemento Sostible.
Relacionadas:
-
Petición en Change.org para que o Sergas incorpore unha asesora de lactancia materna en Pontevedra
Por Redacción |
-
Tetada láctea na Alameda para reivindicar alimentar aos bebés "cando e onde queiran as nais"
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Organizan encontros de lactancia durante os meses de xuño e xullo na Casa Azul
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra pon en marcha salas de lactación
Por Oskar Viéitez |
-
O Hospital Provincial de Pontevedra busca doantes de leite materno
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |